A Xunta dá un paso máis no calendario lexislativo coa aprobación de tres novas leis en materia de acción exterior, residuos e museos

Feijóo sinala que a Lei de acción exterior persigue a diversificación dos mercados exteriores e favorecer o retorno dos emigrantes e os seus descendentes

Avanza que Galicia se situará á cabeza das rexións europeas na transposición da Directiva en materia de plásticos

Incide en que a Lei de museos nace para ordenar e coordinar as 93 institucións museísticas rexistradas na Comunidade, avanzando na accesibilidade e no impulso de novas tecnoloxías

Santiago de Compostela, 24 de setembro de 2020

O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe que a Xunta dá un paso máis no calendario lexislativo coa aprobación no Consello celebrado hoxe de tres novas leis en materia de acción exterior, residuos e museos.

A Lei de acción exterior, primeiro texto legal da Comunidade neste eido, pretende mellorar a atención dos galegos no exterior; consolidar a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal e dotar a Galicia de maior protagonismo na cooperación para o desenvolvemento.

Feijóo aseverou que esta norma persegue, entre outros aspectos, a diversificación dos mercados exteriores e favorecer o retorno dos emigrantes e os seus descendentes, cuestión “clave para loitar contra o declive demográfico”.

Lei de residuos e solos contaminados

O Consello da Xunta tamén aprobou na súa reunión de hoxe a Lei de residuos e solos contaminados, coa que “Galicia se situará á cabeza das rexións europeas na transposición da Directiva en materia de plásticos”, incidiu Feijóo. Deste xeito, a Comunidade fixará mecanismos para loitar contra o plástico dun só uso e contra o desperdicio alimentario.

De feito, para reducir as cantidades actuais de desperdicio alimentario establécese, por primeira vez por lei, que os titulares de establecementos de restauración estarán obrigados a entregar as fracción sobrantes de alimentación non consumidas en recipientes que estean compostos cun 50% de material biodegradable, quedando totalmente prohibida a vaixela de plástico.

Ademais, segundo explicou o presidente da Xunta, establécese que en 2023 os concellos deberán instaurar a recollida separada dos biorresiduos e en 2024 será a quenda dos residuos téxtiles e residuos perigosos de orixe doméstica.

Feijóo concluíu que con este novo texto lexislativo, xunto coas estratexias de Economía Circular e de Cambio Climático e Enerxía, “pechamos as ferramentas que a Unión Europea se compromete cos Estados membros a implementar nos prazos previstos”.

Lei de museos e centros museísticos

En canto á Lei de museos e centros museísticos de Galicia, Feijóo valorou que se trata dunha “lei innovadora”, que busca crear “unha rede de museos do país” e “poñer en valor” os fondos e coleccións.

Esta norma nace para ordenar e coordinar das 93 institucións museísticas rexistradas na Comunidade, avanzando “na accesibilidade e no impulso de novas tecnoloxías”, segundo detallou o presidente da Xunta.

Con este novo texto legal, créase por primeira vez, o Sistema galego de centros museísticos, que, respectando a autonomía de cada centro, permitirá acceder a determinadas liñas de acción conxuntas. A maiores, ofrecerá a posibilidade de formar parte de redes de centros museísticos.

Imaxes relacionadas