Medio Ambiente licita por 122.000 euros as obras de reforma da contorna do campo da feira no concello de Boimorto

A actuación está cofinanciada pola Xunta de Galicia, que achegará o 70% do custo total, e o Goberno municipal, que sufragará o 30% restante con fondos propios

Santiago de Compostela, 24 de setembro de 2020-

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda acaba de licitar por un importe base de 122.382,75 euros, IVE incluído, a reforma da contorna do campo da feira do concello coruñés de Boimorto.

A actuación, enmarcada no chamado Plan Hurbe para apoiar ás entidades locais na execución de actuacións que contribúan a crear, mellorar ou humanizar espazos de uso público, está cofinanciada pola Xunta e polo propio Concello, que asumen o 70% e o 30% do custo, respectivamente, en virtude dun convenio de colaboración asinado este verán

O obxectivo do contrato é poñer en valor o campo da feira, acometendo a renovación e a mellora da contorna neste punto e tamén da Casa da Cultura, para ordenar a confluencia do tráfico rodado e peonil.

Así, renovaranse as beirarrúas e o pavimento de rodadura para dotalo doutro de formigón coloreado, e crear unha zona de estacionamento de vehículos de 510 metros cadrados. Tamén se realizará unha canalización soterrada da nova rede de recollida de augas pluviais e a renovación de luminarias e da súa instalación eléctrica.

Tamén se acondicionará o parque, situado nas proximidades do antigo Campo da Feira, para embelecer este espazo coa plantación de céspede e a colocación de mobiliario urbano, como bancos e papeleiras. Así mesmo, renovarase o pavimento do parque infantil da Casa da Cultura e instalarase unha nova rede de rego para o mantemento do seu xardín.

Actuacións do Plan Hurbe 2010-2019

Cómpre lembrar que con este tipo de intervencións dáse cumprimento ao reto da Xunta de acadar un urbanismo responsable en toda a comunidade e apostar pola recuperación e o reequilibrio territorial entre as vilas e cidades galegas.

No marco do Plan Hurbe e durante o período 2010-2018, executáronse un total de 200 actuacións en 125 concellos, o que significa que se interveu en case o 40% dos municipios galegos; o ano pasado, asumíronse preto de 90 novos compromisos de colaboración ao abeiro deste mesmo programa para os que se mobilizaron 12,9 millóns e nos orzamentos de 2020 hai reservados 6,5 millóns para actuacións urbanísticas a nivel municipal.