A directora do Intecmar interviu na xornada de peche do exercicio de loita contra a contaminación mariña coordinado pola eurorrexión Galicia-Norte de Portugal

Galicia pon en valor o rol da observación costeira na prevención e protección do medio mariño

Covadonga Salgado explicou que o Observatorio costeiro da Xunta de Galicia ofrece información da costa galega de grande utilidade para a investigación e a toma de decisións por parte das administracións

Esta ferramenta conta cunha rede de observación con seis plataformas automáticas fixas no mar, 43 estacións oceanográficas, un sistema radar de alta frecuencia combinado de catro estacións e 70 estacións meteorolóxicas

O exercicio de loita contra a contaminación mariña realizado esta semana en Caminha é un exemplo da importancia da aplicación da observación costeira na toma de decisións que repercutan no coidado do mar

Caminha (Portugal), 24 de setembro de 2020

A directora do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (Intecmar), Covadonga Salgado, destacou hoxe a importancia de contar con información océano-meteorolóxica para a toma de decisións por parte das administracións que repercutan na sustentabilidade e protección do medio mariño. Así o sinalou durante a xornada de peche do exercicio de loita contra a contaminación mariña coordinado pola Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal na que puxo como exemplo o labor de Galicia neste eido a través do Observatorio Costeiro da Xunta de Galicia.

Este sistema de observación e predición mariña é froito do traballo conxunto entre as consellerías do Mar, a través do Intecmar e do Cetmar, e de Medio Ambiente, a través de Meteogalicia e ofrece de xeito integrado información océano-meteorolóxica da costa galega desde hai máis dunha década. Para iso componse de catro piares, tal e como expuxo a directora do Intecmar, Covadonga Salgado na xornada, á que tamén asistiron o subdirector xeral do Servizo de Gardacostas, Lino Sexto, e a directora do Centro Tecnolóxico do Mar, Paloma Rueda.

O piar principal é a rede de observación, que conta con seis plataformas fixas no mar con medidas automáticas e que ofrecen datos en tempo real sobre a temperatura da auga, salinidade, meteoroloxía e correntes. A estas plataformas engádense 43 estacións oceanográficas nas que se obteñen datos semanais de parámetros como salinidade, osíxeno e temperatura, entre outros.

Tamén conta, en colaboración con Portos do Estado, cun sistema radar de alta frecuencia combinado de catro estacións que permite obter información en tempo real sobre a intensidade e a dirección das ondas. Os datos que recolle esta rede poden consultarse libremente no sitio web do Intecmar e complétanse coas 70 estacións meteorolóxicas, distribuídas por toda Galicia, nas que se obtén información relativa a vento, temperatura e humidade, entre outros aspectos e que se poden consultar na web de Meteogalicia.

O segundo dos piares é a infraestrutura de predición que consta de diversos modelos numéricos que permiten unha predición das condicións océano-meteorolóxicas de alta precisión. O sistema de xestión da información é a terceira parte que comprende o observatorio que permite unha utilización da información, tanto recollida como dos produtos elaborados, áxil e dispoñible nas redes propias e nas plataformas internacionais. O cuarto piar constitúeno os produtos e servizos específicos para os usuarios como a predición meteorolóxica de Meteogalicia, a ferramenta informativa para axudar aos percebeiros Percebegurú ou a monitorización das variables oceanográficas dispoñible na web do Intecmar.

Isto, subliñou Covadonga Salgado, fai que esta ferramenta sexa de grande utilidade para a investigación e o desenvolvemento de servizos relacionados cos usos e a protección do medio ambiente costeiro. Ademais, engadiu, posiciona a Galicia a nivel mundial no campo da oceanografía operacional mediante a súa colaboración con outros observatorios nacionais e en foros internacionais.

Neste sentido, a directora do Intecmar explicou que o Observatorio costeiro da Xunta de Galicia colabora con outras institucións de ámbito autonómico e do norte de Portugal a través da rede Raia, constituída para fortalecer unha infraestrutura de observación na marxe ibérica común á eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, que permitirá obter datos meteorolóxicos e oceanográficos de xeito continuo, ademais de complementarse cos modelos preditivos.

Loita contra a contaminación

Un exemplo desa colaboración da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal e da importancia da aplicación da observación costeira na toma de decisións é o exercicio de loita contra a contaminación mariña que se realizou esta semana en Caminha, que se coordinou a través dos proxectos de investigación Radar on Raia, MyCoast e Meloa e que finaliza con esta xornada de peche.

O evento encádrase dentro do programa de exercicios contemplado no Plan Territorial de Continxencias por Contaminación Mariña Accidental de Galicia (Plan Camgal) e consistiu no lanzamento de boias de deriva fronte á ría de Vigo, Caminha e outras zonas da costa de Portugal . Todos os datos enviados polas boias de deriva foron compilados en tempo case real nunha páxina web e, paralelamente, as derivas das boias comparáronse cos modelos oceanográficos de apoio á toma de decisións. Ao mesmo tempo realizáronse validacións entre os datos das boias e os datos recollidos polos sistemas Radar HF.

Imaxes relacionadas