O secretario xeral de Cultura e a directora xeral de Comercio e Consumo presentaron hoxe a nova iniciativa da Federación de Librarías de Galicia

A Xunta destaca o seu compromiso co sector do libro galego na presentación de 'Volta ao libro'

A iniciativa inclúe o percorrido de nove ciclistas polas sete cidades galegas co obxectivo de impulsar a dinamizar a actividade en 70 librarías

Anxo M. Lorenzo salientou que o Goberno galego apoia ao sector do libro con preto de 900.000 euros a través das medidas do Plan de Reactivación

Sol Vázquez destacou o papel do comercio de proximidade galego na recuperación económica e puxo de relevo o esforzo dos libreiros galegos por seguir achegando o mellor servizo e a máxima confianza aos clientes no novo contexto

Santiago de Compostela, 23 de setembro de 2020

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e a directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, participaron hoxe na libraría Follas Novas de Santiago de Compostela na presentación de Volta ao libro, a nova iniciativa posta en marcha pola Federación de Librarías de Galicia co obxectivo de dinamizar e impulsar a actividade no sector do libro.

A primeira edición desta Volta ao libro, que conta co apoio da Xunta de Galicia, levarase a cabo o venres, día no cal nove ciclistas percorrerán diferentes tramos para visitar ata 70 establecementos en toda a Comunidade como parte dun concurso no que se sortearán 20 vales de 10 euros. Para participar no certame só é preciso enviar unha fotografía dun dos ciclistas e enviarlla ao correo comunicación@librarias.org. Ademais, os participantes, que teñen ata o domingo 27 para enviar as súas imaxes, deberán ser seguidores dos perfís da Federación de Librarías de Galicia nas redes sociais.

Na presentación desta iniciativa, o secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, felicitou á Federación de Librarías por esta iniciativa que, como dixo, agarda que celebre moitas máis edicións. Neste contexto, salientou o importante compromiso do Goberno galego que, tal e como lembrou, achega preto de 900.000 euros a través das medidas de apoio a librerías, feiras de libro, bibliotecas e edicións que se inclúen no Plan de reactivación ante a crise da covid-19.

Pola súa banda, a directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, destacou o papel do comercio de proximidade galego na reactivación económica e puxo de relevo o esforzo dos libreiros galegos por seguir achegando aos consumidores o mellor servizo e a máxima confianza no actual contexto. Neste ámbito, a Xunta activou distintos programas de axudas tanto para facilitar a posta en marcha de medidas de prevención fronte á covid-19 no sector comercial como para avanzar en ámbitos como a dixitalización.

Catro percorridos

Volta ao libro divídese en catro percorridos. No primeiro deles os ciclistas visitarán sete librarías en Santiago de Compostela, 15 na Coruña e 8 máis en Ferrol. O segundo céntrase na cidade de Lugo, onde haberá seis paradas. En Ourense, pola súa banda, participan 12 librarías. O último grupo correspóndese con Pontevedra e Vigo onde os ciclistas visitarán sete e 15 establecementos respectivamente.

Imaxes relacionadas