A Xunta solicita ao Goberno e a Navantia que utilicen os fondos europeos do Plan de recuperación para financiar o dique seco

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, explicou esta maña no Parlamento galego que esta infraestrutura é unha peza clave para impulsar o Estaleiro 4.0

Amosa a súa preocupación pola falta de pedidos e insta ao Executivo a cumprir cos seus compromisos e garantir carga de traballo para Navantia e a industria auxiliar, da que dependen 3000 empregos
 

Santiago de Compostela, 23 de setembro de 2020

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, anunciou esta mañá no Parlamento galego que a Xunta solicitará ao Goberno e a Navantia que se utilicen os fondos do plan de recuperación da Unión Europea para financiar o dique seco no estaleiro ferrolán. Tal e como explicou Conde, é unha oportunidade para acelerar uns investimentos imprescindibles e claves que permitirán impulsar a transformación de Navantia nun
Estaleiro 4.0.

O vicepresidente económico lamentou que o dique seco non apareza no actual plan de investimento e que o Goberno non iniciase a tramitación da licenza para construír os talleres robotizados que aprobou a SEPI. Conde instou ao Executivo a cumprir cos seus compromisos co naval e, en concreto, con Navantia e, deste xeito, garantir carga de traballo xa que, segundo asegurou, o estaleiro atópase nunha situación límite ante a falta de planificación. Neste sentido, insistiu en que a data de inicio da construción das fragatas
F-110 é incerto, deixando unha axenda de pedidos en branco -xa que a execución do prometido buque de aprovisionamento parece descartada polo Goberno- que pon en risco o naval de Ferrolterra durante os próximos dous anos.

Conde, que enxalzou o saber facer dos profesionais do estaleiro e da industria auxiliar, reiterou que a Xunta seguirá ao carón dos 3000 traballadores que dependen de Navantia e reiterou o compromiso do Goberno galego con esta empresa sinónimo de calidade e innovación. De feito, apoia proxectos como a Fábrica Intelixente ou as Unidades Mixtas de Investigación; impulsa a formación cun plan de cualificación á carta e realiza un esforzo en financiamento a través de liñas de crédito. En total, a Xunta leva investido máis de 50M€ no sector naval nos últimos anos.
 

Imaxes relacionadas