A Oficina Agraria Comarcal de Vilalba acolle mañá unha xornada sobre a prevención de ataques de lobo á gandaría

A iniciativa intégrase no Plan de formación ao agro galego que desenvolve a Consellería do Medio Rural a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria

O Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Monforte acollerá unha acción sobre a mesma temática a semana que vén

Santiago de Compostela, 23 de setembro de 2020

A Oficina Agraria Comarcal (OAC) de Vilalba acollerá mañá unha xornada sobre a prevención de ataques de lobo á gandaría, organizada pola Consellería do Medio Rural a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal).

Así, os asistentes coñecerán primeiramente a bioloxía e ecoloxía do lobo ibérico, a situación do lobo en Galicia e o seu impacto sobre a cabana gandeira, así como os métodos de prevención dos ataques tendo en conta o manexo de mastíns como ferramenta de protección. Xa pola tarde, visitarán unha ou dúas explotacións da zona para analizar in situ que medidas se poden adoptar en cada caso.

Coa mesma temática como base, o Centro de Formación e Experimentación Agroforestal (CFEA) de Monforte acollerá unha acción formativa de tres días a semana vindeira. Deste xeito, o luns 28 dedicarase aos contidos teóricos básicos, mentres o martes 29 se realizará unha análise estratéxica das explotacións para deseñar plans de prevención personalizados, ao tempo que se avaliará como se trata a prevención dos ataques do lobo noutros países ou rexións. A visita de campo, a tres ou catro explotacións da zona neste caso, terá lugar o mércores 30.

Estes cursos están integrado no Plan de formación ao agro galego 2020, cuxo principal obxectivo é impulsar o desenvolvemento de actividades formativas, de demostración e información que leva a cabo a Consellería do Medio Rural. Con estas accións, preténdese contribuír a que os coñecementos cheguen aos seus últimos destinatarios: agricultores, gandeiros, silvicultores ou representantes da industria agroalimentaria.

Polo tanto, trátase de mellorar a capacitación dos traballadores dos sectores agrario, agroalimentario e forestal en todo o relacionado cos aspectos técnicos e económicos das súas actividades incidindo, cando sexa preciso, na reordenación das producións e no emprego dos métodos produtivos respectuosos coa conservación e na protección do medio.