Julio García Comesaña reafirma o seu compromiso coa atención primaria como conselleiro de Sanidade

Lembrou que o orzamento deste ano para Primaria medrou en 46 millóns de euros respecto do destinado en 2019, aos que hai que engadir os 102 millóns de euros do Plan de Atención primaria 2019-2021, ademais de terse reforzado con maior dotación de persoal

O conselleiro confirmou que ningunha persoa quedou sen atender tanto a nivel de atención primaria coma de atención hospitalaria durante a pandemia

O titular de Sanidade solicitou a colaboración de todas as forzas parlamentarias para superar a pandemia e as súas consecuencias dende o diálogo e o entendemento
 

Santiago de Compostela, 22 de setembro de 2020

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, acudiu hoxe ao Parlamento de Galicia para referirse á situación da Atención Primaria. Segundo dixo, o seu departamento reafirma o compromiso co primeiro nivel atención sanitaria que se ven mantendo dende o Servizo Galego de Saúde mediante a construción de novas infraestruturas, investimento en equipamento e creación de novas prazas de profesionais.

García Comesaña destacou que nos últimos anos realizouse importante esforzo en canto a asignación orzamentaria, lembrando que nos presupostos da Xunta deste ano a partida destinada á Atención Primaria medrou en 46 millóns de euros respecto do destinado no ano 2019. A isto tamén habería que engadir outros 102 millóns de euros entre 2019 e 2021 do Plan Galego de Atención Primaria, lembrando que Galicia foi das primeiras comunidades en poñelo en marcha.

A Consellería de Sanidade, dixo, leva tempo aplicando medidas para mellorar a atención sanitaria aos cidadáns e as condicións e medios de traballo para os profesionais no eido da Atención Primaria. Entre elas destacou a construción e licitación de novas infraestruturas, así como obras de mellora nas instalacións existentes. Na actualidade Galicia conta con 469 centros de saúde e 90 puntos de atención continuada (PAC).

Así mesmo referiuse á adquisición de material de diagnóstico (ecógrafos, retinógrafos, electrocardiógrafos...) por valor de 1,5 millóns de euros destinado a centros de saúde, asíi como a renovación do equipamento informático. Destacou tamén o conselleiro o traballo realizado para potenciar as novas tecnoloxías, como no caso do TELEA, o Conecta 72 e as interconsultas que permiten acercarse máis aos cidadáns e proporciona unha accesibilidade óptima para solucionar algunhas cuestións evitando desprazamentos.

Reforzos en Recursos Humanos

Durante a súa intervención, o conselleiro recoñeceu que o Servizo Galego de Saúde enfróntase a dúas dificultades como son a ausencia de persoal substituto e o envellecemento da poboación. Segundo afirmou, téñense tomado importantes medidas de mellora dende hai anos tales como as OPES anuais, a prolongación da idade de xubilación, o concurso de traslados aberto e permanente, a carreira profesional, creación de especialidades en enfermería, ou o nomeamento de continuidade.

Deste xeito, en 2019 creáronse 20 novas prazas de medicina familiar e 45 de enfermería enmarcadas no compromiso recollido no Plan Galego de Atención Primaria 2019-2021. Ademais durante o ano pasado incorporáronse 249 médicos titulares de Atención Primaria. Tamén se ofertaron máis prazas MIR, EIR para formación en especialidades deficitarias en atención primaria. Cómpre lembrar que Galicia realiza este ano a maior oferta do seu rexistro histórico para a formación sanitaria especializada.

No referido ao nomeamento de continuidade, lévanse formalizado 39 nomeamentos de médicos de familia e 79 de persoal de enfermería. Así mesmo, dende o comenzo da situación de emerxencia sanitaria, García Comesaña destacou que o Servizo Galego de Saúde reforzou o seu cadro de persoal con 1.771 efectivos.

Atención en Primaria e consultas telefónicas

Respecto á actividade asistencial, o conselleiro de Sanidade afirmou que “a día de hoxe podemos afirmar que foron atendidas todas as persoas que precisaban atención tanto a nivel de atención primaria coma de atención hospitalaria. Os centros de saúde, o 061, os PAC ou servizos de urxencias hospitalarias nunca pecharon”.

Julio García Comesaña quixo lembrar que as consultas presenciais mantívéronse sempre en todos os centros de atención primaria, pero por mor da pandemia estase a facer unha valoración telefónica da necesidade de que as consultas sexan presenciais. Esta cita previa por teléfono facilita a detección precoz de posibles casos de covid-19e diminúe o risco de transmisión secundaria. Permite ademais facer unha triaxe e clasificar as demandas, garantindo así a atención de xeito escalonado, evitando masificacións e tendo mais protexidos os nosos maiores. Así mesmo destacou que esta medida non é exclusiva de Galicia, xa que así é cómo o están a facer no resto das Comunidades Autónomas.

O conselleiro informou que o Plan de Reactivación asistencial ven marcado pola situación epidemiolóxica e que na medida en que esta vaia mellorando, poderase ampliar o aforo nos centros sanitarios.

Julio García Comesaña, solicitou a colaboración de todas as forzas parlamentarias para superar a pandemia e as súas consecuencias dende o diálogo e o entendemento. Ademais insistiu no compromiso e no traballo diario da Consellería de Sanidade e do Sergas para que o sistema sanitario galego non só manteña o seu alto nivel de servizo ás persoas, senón tamén garanta a súa mellora, o que será posible cunha atención primaria potente, resolutiva, con futuro.
 

Imaxes relacionadas