A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e o alcalde, Antonio Fernández, selaron hoxe este acordo

A Xunta e o Concello de Padrón asinan un convenio para a mellora da seguridade viaria e a funcionalidade da AC-299, cun investimento autonómico de máis de 478.000 euros

O acordo dá resposta á necesidade de xestión desta estrada, urbanizada e con tráfico local, por parte do Concello

O convenio inclúe actuacións para reducir a velocidade e limitación do paso dos vehículos pesados no treito inicial, de 300 metros, con edificacións próximas

Conformarase unha única plataforma, con velocidade limitada a 30 km/h para resaltar a entrada nunha zona máis urbanizada

No resto da estrada rehabilitarase o firme e reporase a sinalización horizontal, colocando captafaros e un treito de barreira de seguridade

A Xunta financiará as actuacións e o Concello redactará o proxecto das obras, así como a súa licitación e execución

Hoxe tamén se asinou a acta de entrega ao Concello do treito da estrada autonómica obxecto do convenio

Santiago de Compostela, 22 de setembro de 2020

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, selou esta mañá, xunto co alcalde de Padrón, Antonio Fernández, un convenio para a mellora da seguridade viaria e funcionalidade da AC-299, cun investimento autonómico de máis de 478.000 euros.

Con este convenio, o departamento de Infraestruturas da Xunta dá resposta á necesidade dunha xestión por parte do Concello da AC-299, urbanizada e con tráfico local, financiando as actuacións precisas de reposición a un estado axeitado do firme e da sinalización da vía.

En concreto, as obras obxecto deste convenio recollen actuacións no treito inicial da AC-299, de 300 metros de lonxitude, con edificacións moi próximas á calzada, onde é necesario reducir a velocidade e limitar o paso a vehículos pesados, co fin de garantir a seguridade para vehículos e peóns.

Para iso, conformarase unha única plataforma, con velocidade limitada a 30 km/h e pavimento de formigón desactivado, o cal lle producirá aos condutores un efecto de percepción de entrada nunha zona máis urbanizada.

No resto da estrada, entre os puntos quilométricos 0+300 e 2+160, rehabilitarase o firme, repoñéndose despois a sinalización horizontal e colocándose captafaros e un treito de barreira de seguridade.

De acordo coas condicións do convenio asinado hoxe, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade asumirá o financiamento destas obras e o Concello de Padrón encargarase da redacción do proxecto das obras, así como da súa licitación e execución.

Coincidindo coa sinatura do convenio, tamén hoxe se asinou a acta de entrega ao Concello do treito da estrada autonómica: Padrón (AC-307)-AC-301 desde o punto quilométrico 0+000 ao punto quilométrico 2+160, límite do municipio. Deste xeito a entidade local asume a titularidade da AC-299 e a obriga da súa conservación e mantemento.

O departamento de Infraestruturas da Xunta puxo en servizo en 2006 unha nova conexión da estrada AC-301 coa N-550, cun investimento de 4,5 millóns de euros, que serviu como variante para o treito máis urbano da primeira vía en Padrón. Deste xeito, este treito mudou a súa denominación e pasou a ser a estrada AC-299.

O Goberno galego, con estas actuacións, busca fomentar aqueles investimentos que resolvan problemas nas infraestruturas, coa finalidade de incrementar a seguridade viaria e mellorar a calidade de vida da cidadanía.

Imaxes relacionadas