Inspectores ambientais da Xunta constatan o estado de abandono do punto limpo dos Penedos, no concello de Monfero

A raíz do expediente sancionador aberto o ano pasado polo amoreamento incontrolado de residuos nesta zona, a Consellería de Medio Ambiente acaba de realizar unha inspección para verificar se o Goberno local restaurou a situación

O departamento autonómico valorará impoñer multas coercitivas ao concello para obrigalo a executar as medidas impostas e devolver o lugar ao seu estado orixinal
 

Santiago de Compostela, 22 de setembro de 2020

Inspectores ambientais da Xunta de Galicia realizaron unha recente visita ao punto limpo do Concello de Monfero, localizado no lugar dos Penedos, durante a que puideron constatar o estado de abandono no que se atopan actualmente estas instalacións municipais, nas que se se amorean residuos de todo tipo de forma desordenada e sen clasificar.

O ano pasado a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático (DXCACC) interpuxo un procedemento sancionador contra o Goberno municipal pola comisión dunha infracción tipificada como grave na Lei 22/2011 do 28 de xullo de residuos e solos contaminados. A resolución, ademais, impoñía ao concello a obriga de repoñer a situación alterada e devolver o lugar ao seu estado orixinario.

A raíz do devandito expediente, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda ordenou xirar inspección ao punto limpo para verificar se as irregularidades e deficiencias constatadas no seu día foran corrixidas. Sen embargo, durante a súa recente visita, os inspectores da DXCACC comprobaron que o consistorio ignorou todas as indicacións realizadas na resolución do procedemento sancionador e que continúan amoreándose residuos de todo tipo tanto fóra como dentro da propia instalación.

Por este motivo, o departamento autonómico estudará, no marco do mesmo procedemento, a posibilidade de impoñer multas coercitivas ao Concello de Monfero co fin de forzar a execución das medidas ordenadas no seu día e garantir que a zona na que se localiza o punto limpo volva finalmente ao seu estado orixinario.

Sanción inicial de 9.000 euros

Cómpre lembrar que o expediente administrativo tramitado pola DXCACC resolvérase cunha sanción de 9.001 euros ao Concello de Monfero pola creación dun suposto punto limpo en Os Penedos-San Fiz de Monfero, sen contar coa pertinente autorización da Consellería de Medio Ambiente, nin realizar xestión ou control algún do mesmo. Na resolución concluíase que o Concello estaba incumprindo as normas de almacenamento e etiquetaxe de residuos, derivando nun vertedoiro non autorizado de residuos perigosos e non perigosos mesturados, o que estaba a provocar lixiviados.

A resolución sancionadora impuña tamén ao Goberno local a obriga de acometer a reposición e a restauración da zona (próxima ao Parque Natural das Fragas do Eume) ao seu estado anterior á comisión da infracción, debendo o ente local xustificar a completa retirada dos residuos vertidos no lugar e a súa entrega a un xestor autorizado.

Transcorrido xa un prazo prudencial para que o ente local puidese dar cumprimento á obriga de reposición, o pasado 17 de setembro inspectores ambientais da CMATV acudiron ao suposto punto limpo, comprobando que o estado do mesmo empeorou sensiblemente desde o ano pasado pola presenza sobre o terreo de todo tipo de material espallado e sen clasificar (residuos de construción e demolición, aparellos eléctricos, enxoval doméstico de todo tipo, redes de pesca, vidro, madeira e mesmo contedores municipais envorcados e co seu contido espallado), incrementando tanto o volume de residuos como as áreas afectadas.

Tampouco existe constancia documental da entrega de residuos a un xestor autorizado e actualmente o valo perimétrico que rodea a instalación está roto, o que permite o acceso libre ao mesmo e o rebordamento de residuos cara ao exterior do recinto. O aspecto sucio e desordenado que presenta o lugar, segundo reflicte a acta de inspección, transmite a impresión de que se trata “dun vertedoiro incontrolado máis que dun punto limpo”.