Medio Ambiente e a USC colaborarán na mellora e reintrodución do mexillón de río nos cursos fluviais galegos

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e o reitor da Universidade de Santiago asinaron o convenio de colaboración, polo que se investirán 85.000 euros para a recuperación deste bivalvo

Ángeles Vázquez salienta que esta especie está a sufrir unha regresión en toda a súa área de distribución debido á degradación ambiental das bacías hidrográficas, tendo en Galicia un dos seus últimos refuxios en Europa
 

Santiago de Compostela, 22 de setembro de 2020-

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López Díaz, destacaron a importancia de colaborar na mellora e reintrodución do mexillón de río nos cursos fluviais galegos. Vázquez Mejuto e López Díaz asinaron un convenio para renovar a colaboración entre ambas institucións e seguir avanzando nos traballos que permitan conservar e mellorar o estado do mexillón de río, unha das especies máis ameazadas en Europa, polo que a recuperación das súas poboacións son unha ferramenta importante para proporcionar máis calidade ás augas galegas.

O convenio de colaboración asinado esta mañá, e autorizado polo Consello da Xunta este mesmo mes, garante a continuidade de colaboración entre a Consellería e a Universidade compostelá ata o ano 2023 e implica un importe de 85.000 euros, para levar a cabo traballos de investigación encamiñados a desenvolver e mellorar o proceso de cultivo do mexillón de río (Margaritifera margaritífera). Ademais, en base a este convenio, a Consellería de Medio Ambiente autoriza á Universidade de Santiago a empregar as instalacións do Centro ictioxénico do Veral, en Lugo, para levar a cabo estes traballos de investigación.

Este especie está a sufrir unha regresión en toda a súa área de distribución paralelamente á degradación ambiental das bacías hidrográficas, mentres que en Galicia ten un dos seus últimos refuxios en Europa grazas a que as actividades agrogandeiras tradicionais permitiron manter unha axeitada calidade das augas.

Cómpre lembrar que o mexillón de río é unha das especies máis ameazadas en Europa, polo que a recuperación das súas poboacións permitiría no futuro unha importante mellora na calidade das augas, xa que actúan como filtradores biolóxicos naturais.

Nese sentido, en virtude ao convenio autorizado esta mañá a Universidade de Santiago prestará asesoramento e apoio técnico no cultivo de bivalvos de auga doce, e para garantir o o estado sanitario e xenético dos peixes que se utilizan como hospedadores das larvas dos mexillóns; e tamén elaborará os informes e documentos técnicos en relación coa conservación do mexillón de río e o seu cultivo, coa fin de reforzar as súas poboacións ou traslocar a especie naqueles tramos fluviais nos que se considere posible a implantación de poboacións viables.

Así, a Universidade de Santiago comprométese a dirixir e supervisar o desenvolvemento de técnicas de cultivo de bivalvos de auga doce coa finalidade de mellorar a produción e a recuperación das especies que se atopan baixo algunha figura de protección, xa sexa de ámbito internacional, nacional ou autonómico.
 

Imaxes relacionadas