A Xunta impulsa a reactivación das artes plásticas e visuais de Galicia a través dunha nova liña de axudas de 200.000 euros

Este novo apoio destínase a proxectos e investigacións con fins expositivos e divulgativos e os beneficiarios recibirán entre 5.000 e 7.000 €

Enmárcase no Plan de reactivación do Goberno autonómico que inclúe de xeito específico un apoio global de máis de 600.000 euros para profesionais deste eido

Santiago de Compostela, 22 de setembro de 2020

A Xunta de Galicia vén de lanzar, a través da súa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG), unha nova liña de axudas para o impulso das artes plásticas e visuais, cun investimento de 200.000 euros. Trátase dunha das medidas do Plan de Reactivación do sector cultural coa que se pretende apoiar aos profesionais deste ámbito á hora para enfrontar os efectos da crise sanitaria da covid-19.

A convocatoria inclúe dúas modalidades de participación: por unha banda a creación e produción de obra artística cun fin expositivo (pintura, escultura, instalacións, vídeo creación ou fotografía, podendo empregar calquera técnica mixta con total liberdade técnica e formal). Por outra banda, tamén poderán optar investigacións artísticas, históricas, arqueolóxicas ou etnolóxicas con fin expositivo.

A axuda máxima por persoa beneficiaria será de 7.000 euros por proxecto de creación-produción e 5.000 euros nos proxectos de investigación, que en ningún caso poderá exceder do 80% do investimento total. No caso dos proxectos de creación-produción de obra artística poderán optar obras artísticas tanto pintura como escultura, instalacións, vídeo creación ou fotografía, podendo empregar calquera técnica mixta con total liberdade técnica e formal.

No caso da investigación artística, poderán participar proxectos de investigación que conteñan obxectivos, formulación teórica, concepto e mensaxe a transmitir e principais valores e contidos e organización destes, así como un esquema organizativo do discurso, relación de pezas a expoñer asociadas a cada área ou sección, proposta de elementos museográficos de apoio para información complementaria ou programa divulgativo asociado ao proxecto, entre outros.

O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no DOG. Esta liña de axudas enmárcase no compromiso do Goberno autonómico por reforzar o apoio ao sector cultural galego, especialmente afectado pola crise sanitaria. Deste xeito, créase un marco de apoio a través do que fomentar a creatividade e produción cultural, incentivar o mantemento da industria cultural e do emprego e favorecer o consumo de produtos culturais.

Apoio ao sector

As artes plásticas ocupan un lugar destacado na estratexia do Goberno galego no camiño da recuperación do sector cultural. De feito, o Plan de Reactivación inclúe unha batería específica de medidas que superan no seu conxunto os 615.000 euros para apoiar o seu traballo, entre as que se inclúe un incremento das axudas dirixidas ás galerías de arte que participan en feiras e mercados fóra de Galicia, que se convocaron este verán, ou o apoio á Asociación de Galerías de Arte Contemporánea de Galicia, que iniciou a semana pasada a súa nova temporada en oito galerías que realizaron unha inauguración coordinada das súas novas exposicións co apoio da Xunta. Ademais, do apoio ao Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) tamén se apostará pola adquisición de obras a artistas galegos e celebrouse a nova edición do Encontro de Artistas Novos (EAN) para potenciar novos talentos, entre outras accións.

Imaxes relacionadas