Medio Ambiente traslada ao Ministerio de Transición Ecolóxica a súa oposición a modificar a Lei de costas, a través da Lei de cambio climático

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda lamenta que esta lei teña entre os seus obxectivos erradicar do litoral de Galicia máis de 5.000 construcións


 

Santiago de Compostela, 21 de setembro de 2020-

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, reiterou esta tarde que a oposición do Goberno galego ao articulado sobre a duración das condicións en dominio público marítimo-terrestre que recolle o proxecto de Lei de Cambio Climático, que aborda o Goberno do Estado.

Así llo trasladou a conselleira de Medio Ambiente ao secretario de Estado de Medio, Hugo Morán, durante a reunión da Conferencia Sectorial de Medio Ambiente.

Recordou que introducindo articulado sobre a duración das condicións en dominio público marítimo-terrestre a través do proxecto de Lei de Cambio Climático está poñendo en perigo a economía de Galicia, polo que se o Goberno “mantén a tramitación, mantén a incerteza e pon en risco a máis dun cento de empresas”. Advertiu que a normativa estatal provocará erradicar do litoral de Galicia máis de 5.000 construcións, entre as que se atopan máis de 100 da cadea mar-industria galega.

Unha situación que o Goberno de Galicia leva denunciando desde hai máis dun ano esta inseguridade xurídica que xera a reforma da normativa, primeiro coa modificación do regulamento de costas e agora co proxecto de Lei estatal de Cambio Climático.

A conselleira de Medio Ambiente lamentou a actitude do Goberno estatal, pois cando parecía que o Estado ía dar marcha atrás -aceptando retirar a modificación do regulamento de Costas-, meses despois retomou o seu obxectivo “ás agachadas” botando man da nova Lei de Cambio Climático, nestes momentos en fase de emendas. Ángeles Vázquez solicitou aos responsables do Ministerio de Transición Ecolóxica a retirada do artigo 18.4 deste proxecto lexislativo, referido á duración das ocupacións da franxa de dominio público.

Durante o encontro dixital tamén se abordou o reparto de fondos que recibirán as rexións para promover actuacións na área de influencia socioeconómica dos parques nacionais. Na vindeira convocatoria disporanse tres millóns de euros para promover accións nos parques nacionais, primando o número de hectáreas, como baremo para a distribución dos recursos.

Tendidos eléctricos

Outro dos puntos abordados na reunión foron as axudas para a eliminación dos tendidos eléctricos aéreos, como medida para evitar os accidentes e danos de aves. A conselleira votou en contra da proposta realizada polo Ministerio e reclamou a aplicación doutro baremo distinto á superficie de cada comunidade para realizar os fondos que recolle esta orde de axudas; pois co reparto actual Galicia só recibiría 57.000 euros desta liña de incentivos, e propuxo como posible criterio unha proporción entre os quilómetros de liñas eléctricas de alta tensión perigosas de cada comunidade, respecto do total de quilómetros que hai en España.
 

Imaxes relacionadas