O delegado territorial da Xunta en Ourense visita Rairiz de Veiga, Cualedro e Monterrei para comprobar in situ a afectación dos incendios

Gabriel Alén agradeceu e puxo en valor o traballo dos servizos de extinción mobilizados, así como dos medios de emerxencias despregados para controlar os lumes que afectaron a provincia os últimos días

Ourense, 21 de setembro de 2020

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén Castro, desprazouse esta tarde aos municipios de Rairiz de Veiga, Cualedro e Monterrei para comprobar in situ a afectación dos lumes forestais que hai unha semana se rexistraron neses concellos e analizar cos seus alcaldes as súas necesidades. Trátase da primeira saída como novo responsable da Xunta na provincia de Ourense.

Durante a visita, Gabriel Alén agradeceu e puxo en valor o traballo dos servizos de extinción mobilizados, así como dos medios de emerxencias despregados para controlar os lumes que afectaron a provincia os últimos días. Así, lembrou que máis de 2.000 profesionais e 38 medios aéreos se despregaron esa fin de semana para atender aos incendios que se rexistraron nesta provincia, remarcando a capacidade de actuación por parte deste colectivo de extinción.

Durante a súa visita, o delegado territorial agradeceu a colaboración das administracións locais e da cidadanía en xeral, xa que protexer o patrimonio forestal é deber de todos. Neste senso, lembrou que existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085 e animou aos veciños a que, entre todos, se acabe coa lacra dos incendios forestais en Galicia.

Imaxes relacionadas