Mañá reabrirá ao tráfico a estrada OU-801, ao seu paso por Pontedeva e Cortegada, tras os avances nos traballos de conservación realizados na ponte

A vía autonómica que comunica Ribadavia co límite da provincia en Pontebarxas, na fronteira de Portugal, abrirase á circulación a partir das 14 horas, restando só pequenos remates que quedarán finalizados esta mesma semana

A actuación, cun investimento da Xunta de máis de 200.000 euros, consistiu na substitución dos apoios degradados, deixando a ponte reforzada e preparada para futuras operacións similares, simplificándoas

As obras enmárcanse no programa específico de seguridade das pontes e das obras de paso, co que a Xunta desenvolve inspeccións periódicas nestas estruturas para anticiparse a posibles futuros problemas

Santiago de Compostela, 21 de setembro de 2020

Os avances nos traballos de conservación e mantemento na ponte do río Deva permitirán reabrir mañá ao tráfico a estrada OU-801, ao seu paso polos municipios de Pontedeva e Cortegada.

Segundo a programación dos traballos, a estrada quedará aberta ao tráfico mañá, a partir das 14,00 horas. Aínda que restan pequenos remates, o obxectivo é que os traballos queden completamente finalizados esta mesma semana.

As obras impulsadas pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, para actuar nos apoios dos estribos da ponte do río Deva, obrigaron a manter desviado o tráfico deste mediados de xuño nesta estrada, que comunica Ribadavia (OU-405) co límite da provincia en Pontebarxas, na fronteira de Portugal.

Esta intervención, cun investimento autonómico de máis de 200.000 euros, permitiu substituír os apoios existentes degradados e deixar a ponte reforzada e preparada para futuras operacións similares, simplificándoas.

Esta ponte salva o embalse da Frieira, pertencente á Confederación Hidrográfica Miño-Sil, ten unha altura de pilas maior a 40 metros e unha celosía mixta de 7 metros de canto e 6 metros de ancho sobre a que se construíu unha lousa armada. O ancho do taboleiro é de 10,80 metros con dous carrís de 3,50 metros, dúas beiravías de 1,40 metros e pretís metálicos de 0,50 metros.

A intervención enmárcase no programa específico de seguridade das pontes e das obras de paso, a través do que se levan a cabo inspeccións periódicas e constantes en todas as estruturas das estradas autonómicas para anticiparse a posibles futuros problemas.

Con esta iniciativa, a Xunta supervisa de forma permanente o estado destes elementos, mantén actualizada a información sobre o seu estado de conservación e promove as actuacións preventivas que se consideran necesarias.