O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria destes galardóns que se enmarcan no Plan de recuperación social

Os primeiros 'Premios Galicia de Acción Voluntaria' recoñecerán a labor solidaria de persoas e asociacións fronte á covid-19

Hai tres modalidades de premios, cada unha delas dotada con 4.000 euros: á voluntaria ou voluntario do ano, á organización de acción voluntaria e ao mellor proxecto

Ademais de valorar as iniciativas que achegaran solucións durante a emerxencia sanitaria, teranse en conta aquelas con incidencia no medio rural ou en materia demográfica

Santiago de Compostela, 21 de setembro de 2020

A Xunta de Galicia recoñecerá o compromiso solidario de persoas e organizacións a través dos Premios Galicia de Acción Voluntaria. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a primeira convocatoria destes galardóns cos que se distinguirá tanto á voluntaria/o como á entidade de acción voluntaria de 2020, e tamén ao mellor proxecto de acción voluntaria deste ano, levado a cabo por unha entidade de xeito individual ou varias de maneira conxunta. Cada unha destas tres modalidades está dotada dunha contía de 4.000 euros.

A posta en marcha deste certame enmárcase no Plan de recuperación social de Galicia e o xurado valorará, entre outras cuestións, que as iniciativas estean dirixidas a aportar solucións a loita contra a covid-19 e as súa consecuencias. Neste sentido, teranse en conta proxectos e actividades realizados con colectivos agraviados durante a emerxencia sanitaria, accións de formación e preparación para este tipo de emerxencias de persoal voluntario ou a rápida adopción de protocolos e medidas de protección.

Ademais, o xurado tamén tomará en consideración aquelas intervencións de voluntariado que teñan incidencia en áreas sensibles como o medio rural ou en materia de demografía.

As entidades e persoas voluntarias interesadas no certame teñen a partir de mañá un mes de prazo para cursar as súas candidaturas. Só se permitirá unha por cada modalidade e asociación, e deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

As propostas candidatas terán que achegar co impreso de solicitude unha memoria do proxecto ou traxectoria; documentación oficial acreditativa dos méritos que alega emitida por organismo público ou privado, tal como diplomas e certificados; unha relación das actividades realizadas e calquera outra documentación que o solicitante considere relevante, como por exemplo: apoios á candidatura.

Imaxes relacionadas