O Diario Oficial de Galicia publica hoxe as bases para a concesión desta subvención

A Xunta convoca a orde de axudas con cargo ao 0,7% do IRPF destinadas a programas sociais por un importe de 11,5 M€

Aínda que o Goberno central non deu a coñecer o importe final que lle corresponde a Galicia, publícase xa para que as entidades sociais poidan planificar con tempo os programas que van desenvolver

Santiago de Compostela, 21 de setembro de 2020

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica a orde de axudas con cargo ao 0,7% do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas (IRPF) destinada a impulsar programas de carácter social por un importe de 11,5 millóns de euros. Trátase dun adianto para que as entidades sociais poidan planificar os programas que van a desenvolver. Esta partida verase incrementada unha vez que o Goberno central dea a coñecer a contía final que xestionará cada comunidade autónoma.

É a parte dos fondos derivado da casilla social do IRPF que xestiona a Consellería de Política Social e que se engaden a outros 457.000€ xestionados pola Secretaría Xeral de Igualdade e outros 499.000€ pola Consellería de Sanidade. En total, trátase dunha cantidade conxunta de 12,5 millóns de euros.

Os programas que se poderán financiar serán de tres tipos: de loita contra a violencia de xénero e fomento da igualdade; de asistencia a persoas maiores, persoas con discapacidade, infancia e mocidade, así como programas que favorezan a inclusión social; e de prevención, redución do dano, atención integral e incorporación social no ámbito das persoas con trastornos aditivos.

As axudas financiarán gastos correntes deste tipo de programas, aínda que no caso da orde que xestiona a Consellería de Política Social, a de máis contía, tamén está previsto financiar gastos de investimento referidos a obras de equipamento, rehabilitación ou adquisición de vehículos adaptados. Para facilitar a tarefa destas entidades, anticiparáselles o 100% da axuda, que loxicamente terán que xustificar a posteriori. As entidades contan co prazo dun mes, contado a partir de mañá para presentar a súa solicitude.

Imaxes relacionadas