O 31º Festival de Teatro Galego 'Celso Parada' desenvolverase no Carballiño do 23 ao 26 de setembro co apoio da Xunta

Haberá funcións no Auditorio Municipal Manuel María, na Casa da Cultura e nas rúas da vila, así como distintas actividades en liña

Carlos Ledo asume a dirección do certame dedicado por completo á difusión de espectáculos en galegos e producidos en Galicia

A Escola do Espectador do Teatro Galego e a lectura dramatizada internacional da obra de Carvalho Calero ‘A farsa das zocas’ son algunhas das novidades

Ourense, 21 de setembro de 2020

O Festival de Teatro Galego-FETEGA Celso Parada desenvolverá no Carballiño do 23 ao 26 de setembro a súa 31ª edición co apoio da Xunta de Galicia e cunha carteleira dedicada integramente á escena do país, con espectáculos de sala, animación de rúa e unha Escola do Espectador como principal novidade das súas actividades paralelas. Os organizadores do certame, que incorpora a Carlos Ledo como director, presentaron hoxe en Ourense toda a programación, nun acto no que, en representación da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, participou o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil.

A Casa da Cultura e o Auditorio Municipal Manuel María acollerán as representacións de Clausura de amor, de Cámara Negra Teatro; Os nenos da varíola, de Pérez&Fernández (os dous espectáculos coproducidos polo Centro Dramático Galego); O mel non caduca, de Ibuprofeno Teatro; A que non podes dicir Coca-cola?, de AveLina Pérez; Technologies, de Pedro Brandariz; Sexo débil...o carallo!, de Arantxa Treus; Sempre o pensaches pero nunca o dixeches, de Diana Sieira; e Proxecto Literarias. Estas propostas integran o programa de sala, que, xunto ás sesións de teatro de rúa a cargo da compañía Barafunda, foron seleccionadas entre as máis de 100 propostas recibidas para participar no certame.

Realizarase, ademais, a lectura dramatizada internacional de A farsa das zocas, de Carvalho Calero, que será levada a cabo por 50 persoas voluntarias dos Centros de Estudos Galegos de distintos países, baixo a dirección desde Galicia por Vanesa Sotelo, e que se poderá seguir polas redes sociais durante 30 minutos ao día. A exposición Outra pel, outro rostro, dúas mesas redondas, obradoiros, a presentación do libro DramaturGA 20 e a conferencia titulada Traxedias, Dramas, Comedias e Públicos, a cargo de Afonso Becerra, Premio Fetega de Honra 2020, son outras das citas que ten preparadas o festival, ademais da entrega dos seus Premios Dorotea Bárcena.

Escola de público en liña

Entre as actividades complementarias, a principal novidade é a Escola do Espectador de Teatro Galego, coordinada por Pepe Domínguez Bueno e orientada a afeccionados e público en xeral. Levarase a cabo en liña e co obxectivo de facilitarlle ao público as ferramentas necesarias para enriquecer o seu punto de vista sobre a poética creativa do artista en escena, tratando distintos tipos de dramaturxia e achegando nocións sobre a evolución do teatro.

Unión para unha cultura segura e pracenteira

Na súa intervención, o director da Agadic destacou que a actual situación sociosanitaria esixe que administracións, artistas e público estean máis unidos que nunca para facerlles fronte aos efectos da pandemia na cultura e para conseguir continuar a gozar dos nosos espectáculos “de xeito tan seguro como pracenteiro”.

Engadiu que o Fetega xa asumiu esta necesaria alianza, presentando unha carteira dedicada por enteiro ao teatro en galego e feito en Galicia, así como á incorporación de novas citas mediante a sección denominada Sala online.

Explicou tamén que o apoio da Xunta de Galicia ao Fetega materialízase a través do da liña de subvencións a festivais escénicos, unha convocatoria pola que a Consellería de Cultura, Eduación e Universidade distribuíu este ano 190.000 euros entre 10 eventos.

Imaxes relacionadas