A Xunta pon hoxe en servizo o acceso ao aparcadoiro do Hospital Materno da Coruña desde a rúa Xubias de Abaixo

Na vindeira semana realizaranse os traballos de aglomerado do firme da vía que rodea o hospital

Estas actuacións danlle continuidade ao acondicionamento de aparcadoiros e habilitación de novas prazas acometidos pola Xunta nesta área hospitalaria

As obras, cun investimento de 195.000 euros, forman parte dun contrato de mellora dos accesos noutros hospitais da provincia, cun orzamento dun millón de euros

Santiago de Compostela, 21 de setembro de 2020

A Xunta segue a avanzar nas obras de mellora dos firmes e vías do Hospital Materno Infantil da Coruña, quedando desde hoxe aberto o acceso da rúa Xubias de Abaixo á zona do aparcadoiro.

Estas obras de mellora do firme no acceso aos aparcadoiros do Hospital Materno Infantil fixeron necesario o corte desta rúa, que coincide na zona de aparcamento que hai por baixo do hospital. As obras consistiron na demolición do pavimento e a execución dun novo en formigón.

Agora queda pendente o aglomerado do firme da vía que rodea o centro hospitalario, que prevé acometerse durante a vindeira semana.

A Xunta puxo en servizo nesta contorna 23 prazas de aparcadoiro, 1 delas para persoas con mobilidade reducida, á disposición do persoal e dos usuarios do hospital. A adecuación de espazos de forma ordenada permite acadar 53 prazas.

Ademais a intervención completarase coa renovación da sinalización, como se fixo xa o ano pasado no hospital central.

As actuacións, cun investimento de 195.000 euros, forman parte dun contrato maior que recolle a mellora nos accesos noutros hospitais públicos da provincia, como os de Santiago, Ferrol, Cee e o Barbanza, cun orzamento global de 1 millón de euros.

O proxecto ten como obxectivo favorecer a mobilidade no contorno deste centro hospitalario, ofrecendo unha mobilidade máis cómoda e segura, tanto para os pacientes, como para o persoal sanitario que se achega cada día ás instalacións hospitalarias.

Imaxes relacionadas