A Xunta pon á disposición de empresas, comercios e autónomos máis de 60 expertos para asesoralos e facer fronte ao impacto da covid-19

A través do Igape Responde achegan consultoría gratuíta en rede, que inclúe 14 medidas dispoñibles de acción inmediata

Os autónomos e as pemes poderán atopar novas fontes de ingresos, captar e fidelizar clientes ou mellorar a cohesión dos equipos, entre outros resultados

Este mércores terá lugar o primeiro dos webinarios que informarán dos apoios dispoñibles en cinco ámbitos diferentes: xeral, financeiro, de negocio, operacións ou persoas
 

Santiago de Compostela, 21 de setembro de 2020.- Máis de 60 expertos e consultores especializados súmanse ao equipo técnico do Igape para apoiar, asesorar e formar aos autónomos, comercios e empresas galegas. Forman parte do Igape Responde, o programa da Xunta que vén de activar unha liña de asesoramento gratuíto para facilitar a este colectivo a posta en marcha de medidas de acción inmediata.


O vindeiro mércores 23 terá lugar o primeiro dos encontros dixitais que inclúe esta liña. Baixo o título Como pode axudar o programa Igape Responde á miña empresa?, o webinario informará dos apoios que ofrece. Así, a través da páxina web responde.igape.es, o tecido empresarial galego pode acceder a 14 tipos de medidas diferentes, que se implementan de xeito rápido nun prazo de dúas semanas. O soporte inclúe ademais un seguimento posterior dun mes cunha intensidade de 25 horas de consultaría personalizada por beneficiario.
Os expertos ofrecerán asesoramento en diferentes ámbitos: financiamento, negocio, operacións e persoas. No primeiro caso, as empresas poderán replanificar as súas débedas comerciais, buscar financiamento, xestionar cobros e operacións comerciais ou planificar as obrigacións fiscais. Pola súa banda, as medidas para implantar no eido do negocio ofrecen a posibilidade de reconfigurar a oferta comercial, conseguir a promoción en rede ou incluso reorientar o negocio.


A liña inclúe un terceiro ámbito de soporte, o de operacións, que axuda a implantar o teletraballo, prestar servizos en liña ou acometer unha reorganización operativa. E mediante as iniciativas relacionadas co eido das persoas será posible reter os equipos e motivalos, acometer unha planificación laboral ou fortalecer as competencias para o novo escenario económico.


Ademais, ofrécese asesoramento de carácter xeral, orientado ás empresas que necesiten definir unha combinación de medidas de varios tipos para minimizar o impacto da pandemia no seu negocio. Entre outros resultados, as compañías poden atopar novas fontes de ingresos, captar e fidelizar novos clientes ou manter os servizos en remoto.

Xunto co asesoramento do equipo técnico do Igape e os expertos dispoñibles, a liña achegará, de xeito periódico, ás empresas e os autónomos boletíns e vídeos informativos, webinarios e respostas ás preguntas e dúbidas máis formuladas por eles.


O Igape Responde enmárcase no Plan de reactivación económica que desenvolve o Goberno galego para acompañar ao tecido empresarial no novo contexto económico xerado pola covid-19. Este programa inclúe tamén outra liña de atención directa a consultas empresariais e o novo programa ReAcciona, deseñado nesta edición para responder á nova situación co obxectivo de que as persoas autónomas, os comercios e as empresas galegas manteñan e fortalezan a súa actividade.
 

Imaxes relacionadas