A conselleira do Mar participou na inauguración da III Xornada da frota de cerco Prácticas de pesca sostibles

Rosa Quintana apela ao labor conxunto entre a Administración e o sector para acadar as mellores posibilidades de pesca para Galicia no 2021

Incidiu en que Galicia, como representante das comunidades autónomas españolas en pesca, traballará xunto co Goberno central con argumentos sólidos para mitigar a proposta europea de cotas para o ano que vén

Puxo como exemplo de traballo de argumentación que permitiu suavizar as propostas de recorte da Comisión Europea para este ano en especies como a pescada e o xurelo

Nese labor do ano pasado destacou os dous informes socioeconómicos elaborados pola Xunta e nos que se analizaba o descenso dos ingresos da frota galega que faena no caladoiro Cantábrico Noroeste

A conselleira tamén puxo en valor os esforzos de xestión do sector que permitiron que na actualidade a maioría das pesqueiras nas que faena a frota galega se atopen en bo estado biolóxico

Sada (A Coruña), 21 de setembro de 2020

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, defendeu hoxe o traballo conxunto entre a Administración e o sector para conseguir as posibilidades de pesca de 2021 máis axeitadas para Galicia. Fíxoo durante a inauguración da III Xornada da frota de cerco Prácticas de pesca sostibles que se celebra hoxe no Concello de Sada.

Alí tamén incidiu en que Galicia, como representante das comunidades autónomas españolas en materia de pesca, traballará xunto co Goberno central “con máis tesón que nunca e con argumentos sólidos” para mitigar a proposta europea de Totais Admisibles de Captura e cotas para o ano que vén.

Unha proposta que se negociará no Consello de Ministros de Pesca da Unión Europea que se celebra no mes de decembro e que, segundo explicou Rosa Quintana, “será moi axustada”. Ademais, sinalou, enmárcase no contexto de pandemia do coronavirus e nas negociacións do brexit “nas que o acordo que manteña o statu quo no acceso a augas e mercados está aínda lonxe”. Por iso, subliñou, desde Galicia “estaremos acompañando ao sector estudando e verificando con bases científicas a solución que non leve ao sector polo camiño erróneo”.

O obxectivo deste traballo, engadiu a titular de Mar, é convencer á Comisión Europea da necesidade de aplicar unha Política Pesqueira Común sustentable nos eidos medioambiental, económico e social. Para iso, sinalou, Galicia tamén porá en valor os esforzos de xestión do sector que permitiron que na actualidade a maioría das pesqueiras nas que faena a frota galega se atopen en bo estado biolóxico.

Un exemplo deste labor que destacou Rosa Quintana é o resultado acadado nas negociacións de Bruxelas nas que se decidiron as cotas de pesca deste ano e nas que Galicia se enfrontaba “a unha proposta de recorte moi forte, especialmente para a pescada e o xurelo nas augas comunitarias”. A proposta de recorte nestas especies fundamentais para a frota galega, tanto en facturación como en volume de descargas, traducíase nun descenso na facturación das nosas lonxas próximo aos 37 millóns de euros e nunha afectación de 90 millóns á economía galega.

Un recorte ao que Galicia, acompañando ao Goberno central nas negociacións, “contestou cos deberes feitos”, con dous informes socioeconómicos no que se analizaba o descenso dos ingresos da frota galega que faena no caladoiro Cantábrico Noroeste. Deste xeito, expuxo a conselleira, desde Galicia puxemos en valor “a importancia dos recursos, en particular, o xurelo, como a primeira especie por quilos desembarcados e a importancia do enfoque ecosistémico da actividade desta frota”.

Con este labor de defensa do eido socioeconómico, sinalou Rosa Quintana, o acordo acadado finalmente no Consello de Ministros de Pesca da Unión Europea “foi moito mellor que o esperable, pois permitiu manternos a flote”. A isto engádense “os sacrificios realizados pola nosa frota nos últimos anos que permitiron mellorar o estado dos nosos recursos e que a maioría dos caladoiros nos que faena a frota galega se atopen no rendemento máximo sustentable”.

Unhas prácticas de pesca sustentable que centran a III xornada da frota do cerco que se celebra hoxe en Sada e que están organizada pola Asociación de Armadores de Cerco de Galicia (Acerga). Na organización deste tipo de eventos, destacou a titular de Mar, reside a convicción de “coidar o noso medio mariño co obxectivo de facer que a nosa actividade sexa sostible nos eixos social, ambiental e económico”.

Por último a conselleira recoñeceu o labor de Acerga na organización desta xornada no contexto marcado polo coronavirus e felicitou á entidade pola súa traxectoria de dous anos como organización de produtores pesqueiros representando aos máis de 100 asociados que ten por toda Galicia na defensa do cerco como arte de pesca.

Imaxes relacionadas