A Xunta recibe un total de 88 solicitudes de axuda para o desenvolvemento de proxectos de mellora da calidade de auga das traídas veciñais

Trátase da primeira liña de axudas dirixida á mellora dos sistemas de abastecemento xestionados por comunidades de usuarios, cun investimento de 750.000 euros

Do total de solicitudes, 79 proceden da provincia de Pontevedra, 5 da provincia da Coruña, 2 da de Ourense e 2 da de Lugo

Solicítanse axudas para a mellora dos sistemas de sistemas de tratamento da auga, tanto con actuacións nas infraestruturas de almacenamento, como na mellora das análises da auga para comprobar a súa calidade

As axudas cubrirán o 80% do financiamento das actuacións, ata un máximo de 15.000 euros por proxecto

O 30% do importe da convocatoria, 225.000 euros, destinaranse ao financiamento de actuacións que presenten comunidades de usuarios de ata 50 membros e os 525.000 euros restantes, o 70%, ás comunidades de usuarios con máis membros

Os sistemas de traídas propios teñen unha gran importancia para o abastecemento do rural galego, onde se estima que dan servizo a unha poboación de 600.000 persoas

Santiago de Compostela, 20 de setembro de 2020

A Xunta recibiu un total de 88 solicitudes de axuda para a implantación e o desenvolvemento de proxectos de mellora da calidade de auga das traídas veciñais.

Trátase da primeira convocatoria da liña de axudas impulsada pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, dirixida á mellora dos sistemas de abastecemento xestionados por comunidades de usuarios, ás que se destinará un investimento de 750.000 euros, para os exercicios 2020 e 2021.

A maior parte das solicitudes presentadas proceden de entidades veciñais e individuais da provincia de Pontevedra que se abastecen mediante sistemas de traída propios, chegando a sumar un total de 79. O resto das peticións proceden de comunidades de usuarios da provincia da Coruña, un total de 5, e das provincias de Ourense e Lugo: 2 propostas achegadas en cada unha delas.

As iniciativas presentadas polas comunidades céntranse na implantación ou mellora dos sistemas de tratamento da auga, tanto de mellora das infraestruturas de almacenamento que inciden directamente na mellora da calidade, como a realización de análises da auga para comprobar a súa calidade antes e despois da intervención. Para acceder os incentivos as comunidades de usuarios deben estar formalmente constituídas e acreditar incumprimentos de parámetros sanitarios da calidade das augas mediante analíticas.

As axudas cubrirán o 80% do financiamento das actuacións que resulten elixidas, seguindo os criterios marcados na convocatoria, con ata un máximo de 15.000 euros por proxecto. O 20% do financiamento restante deberá ser achegado pola propia comunidade de usuarios que resulten beneficiaria da subvención, non sendo compatible con outras subvencións ou axudas.

O 30% do importe desta convocatoria, é dicir, 225.000 euros, destinaranse ao financiamento de proxectos de comunidades de usuarios de ata 50 membros. Os outros 525.000 euros, o 70% restante, estará dirixido ás actuacións de comunidades de usuarios con máis membros.

Cómpre sinalar o importante papel das traídas veciñais no ámbito rural ao ser, en moitas ocasións, a solución máis eficiente para abastecer a poboacións que se atopan máis afastadas. Neste sentido, a lexislación estatal de augas bríndalles xa un marco lexislativo especial, outorgándolle carácter de corporacións de dereito público adscritas e tuteladas polo organismo de conca.

No caso de Galicia, as especiais características poboacionais, cunha forte dispersión, fai que se teña recorrido de xeito habitual a solucións autónomas para abastecerse de auga potable. De feito, estímase que unhas 600.000 persoas en Galicia utilizan pequenos sistemas de abastecemento propios, xa sexan veciñais ou individuais.

Imaxes relacionadas