As actuacións enmárcanse nas tarefas que vén realizando nos últimos meses en máis de 30 vías autonómicas para contribuír a previr lumes e reforzar a seguridade

A Xunta inicia este luns os traballos de roza e limpeza nas marxes da vía de alta capacidade PO-010, que conecta a circunvalación de Vigo co polígono industrial de Balaídos

Segue a traballarse na vía de alta capacidade CG 2.2, en Lugo e no Corgo; na estrada LU-862, entre O Vicedo e Viveiro, así como na autovía AG-64, entre Vilalba e Xermade

Na provincia de Ourense continúa a limpeza na estrada OU-404, en Cartelle; e na comarca de Ferrol, na vía de alta capacidade VG 1.2, en Ares e Mugardos

As actuacións céntranse na retirada de especies pirófilas e nas rozas nas marxes das estradas, así como no acondicionamento das sendas para o tránsito peonil

Os obxectivos destes labores son potenciar o efecto cortalumes das estradas, aumentar a seguridade viaria e fomentar a mobilidade segura e sustentable

Santiago de Compostela, 20 de setembro de 2020

A Xunta comeza este luns os traballos de roza e limpeza nas marxes da vía de alta capacidade PO-010, que conecta a autoestrada de circunvalación de Vigo VG-20, no lugar de Balsa, co Polígono industrial de Balaídos.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da empresa pública Seaga, vén realizando nos últimos meses estas tarefas de acondicionamento nas franxas de dominio público de máis de 30 vías autonómicas das catro provincias para previr lumes e reforzar a seguridade viaria.

Estas intervencións continuarán tamén ao longo da vindeira semana en distintas estradas autonómicas das provincias de Lugo e de Ourense e da comarca de Ferrol.

Deste xeito, séguese a traballar na vía de alta capacidade CG 2.2, en Lugo e no Corgo; na estrada LU-862, entre O Vicedo e Viveiro, así como na autovía AG-64, entre Vilalba e Xermade.

Na provincia de Ourense continúase traballando na estrada OU-404, en Cartelle, e na comarca de Ferrol séguese coas tarefas na vía de alta capacidade VG 1.2, en Ares e Mugardos.

As tarefas céntranse na retirada de especies pirófilas, aquelas que son máis propensas á propagación do lume, coa fin de previr incendios forestais.

Tamén se acometen rozas para completar o traballo ordinario de conservación das estradas e reducir progresivamente o uso de herbicidas, dando cumprimento a un acordo parlamentario.

Ademais, realízase o acondicionamento de zonas verdes e sendas peonís, para que estean en condicións axeitadas, pensando no incremento de uso que experimentan nesta época estival.

As intervencións teñen como obxectivos potenciar o efecto cortalumes das estradas; aumentar a seguridade viaria, cunha maior visibilidade; e fomentar unha mobilidade máis segura e sustentable mediante as sendas e zonas verdes para o tránsito peonil.

Imaxes relacionadas