Axentes ambientais da Xunta sorprenden 'in fraganti' un home cando prendía lume en Cangas

Ocorreu a pasada tarde na parroquia de Coiro deste municipio pontevedrés

Os feitos foron postos en coñecemento da Garda Civil, que se desprazou ata o lugar para tomarlle declaración

Santiago de Compostela, 20 de setembro de 2020

Axentes ambientais da Xunta, dependentes da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, sorprenderon in fraganti un home cando prendía lume en Cangas. Ocorreu a pasada tarde, na parroquia de Coiro deste municipio pontevedrés.

Unha vez detectada esta conduta incendiaria, os feitos foron postos en coñecemento da Garda Civil, que se desprazou ata o lugar para tomarlle declaración. Canto ao lume, iniciouse ás 20,04 h. de onte e afectou unicamente 4 metros cadrados de monte raso, grazas á rápida intervención dos profesionais do Servizo de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais (Spdif). Para o seu control mobilizáronse en total 1 axente, 2 brigadas e 1 motobomba.

A Consellería do Medio Rural lembra que máis de 7.000 efectivos están despregados por toda a comunidade para facer fronte aos incendios forestais, apoiándose en cámaras de vixilancia fixas nun 60% do territorio galego e no uso de drons para contribuír á disuasión, detección e investigación dos lumes.

Así mesmo, a Xunta recorda que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e de balde para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085.