Anxo M. Lorenzo refírese ao Cineclube Padre Feijoo como "un dos grandes referentes culturais de Ourense"

O secretario xeral de Cultura da Xunta, participou hoxe na homenaxe a cineclubistas e amigos do Cineclube no marco do 50 aniversario desta asociación

As actividades inclúen desde a participación de integrantes históricos e representantes doutos cineclubes ata a proxección dos 50 mellores filmes da historia do cine

Ourense, 19 de setembro de 2020

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na homenaxe a cineclubistas e amigos do Cineclube Padre Feijoo, unha iniciativa que naceu como actividade cultural dentro da Escola de Maxisterio e que agora celebra o seu 50 aniversario cun amplo programa de actividades.

Así, durante a homenaxe celebrada hoxe na Casa da Cultura de Ourense, o representante da Xunta de Galicia salientou o traballo que se fai desde o Cineclube, ao que se referiu como “un dos grandes referentes culturais de Ourense”. Nesta mesma liña, Anxo M. Lorenzo puxo en valor a importancia desta entidade no fomento da cultura audiovisual galega e destacou o carácter colaborador da directiva con todas as citas culturais que se programan na cidade de Ourense como, por exemplo, o Festival de Cine Internacional de Ourense (OUFF), o certame internacional máis antigo de carácter competitivo que se realiza en Galicia.

Herdeiro dunha tradición cineclubista na cidade, o Cineclube Padre Feijoo deseñou unha programación conmemorativa que funciona como un encontro festivo de cineclubes de Galicia e doutras partes da Península Ibérica. Para iso, hoxe comezará un programa de actividades que inclúe a participación de integrantes históricos da asociación, representantes doutros cineclubes e a proxección, ata o vindeiro mes de decembro, dos 50 mellores filmes da historia do cine.

A programación da xornada de hoxe complétase coa tertulia Historias de cine na Auria e coa proxección, no salón de actos da Casa da Cultura de Talking About Trees, un filme que recibiu o Premio do documental orixinal e Premio do público na pasada edición do Festival Internacional de Cine de Berlín.