O programa de dinamización lingüística da Xunta de Galicia ‘FalaRedes’ retoma a súa actividade da man dos Bolechas

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, asistiu ao espectáculo participativo dos famosos monicreques que acolleu o Museo do Mar de Galicia

As propostas de lecer continúan hoxe á tarde no Grove, tamén cos Bolechas, e no Pereiro de Aguiar coa actividade ‘Minia convídate a xogar’

Vigo, 19 de setembro 2020

O secretario xeral de Política Lingüística da Xunta, Valentín García, asistiu este mediodía no Museo do Mar de Galicia ao regreso, tras o descanso estival, do programa de dinamización lingüística FalaRedes, que se abre co espectáculo participativo para os máis pequenos da casa Os Bolechas e a Porta dos Camiños.
O representante do Goberno galego recordoulles á cativada asistente que os Bolechas “son nenos coma vós, que viven tamén nunha cidade, que van ao cole e que se divirten sempre en galego”. Por outra banda, Valentín García explicou que o programa de dinamización lingüística FalaRedes vai contar este outono con outras propostas teatrais, audiovisuais ou musicais que ofrecerán opcións variadas de lecer en galego nas catro provincias, con oferta para adultos e para cativos.
Os Bolechas e a Porta dos Camiños, dirixido a nenos de catro a oito anos, percorrerá a partir de hoxe 21 localidades e entidades pertencentes á Rede de Dinamización Lingüística, a comezar esta tarde ás 18,30 horas na Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey do Grove (Pontevedra). Nesta nova aventura, Carlos, Loli, Pili, Braulio, Sonia e Tatá botaranlle unha man ao programador informático Haker Mater para poñer a punto a Porta dos Camiños, unha máquina que lles axuda a elixir un dos moitos Camiños de Santiago ás persoas que queren peregrinar e non saben por que vía facelo. Para conseguiren que funcione a máquina, os cinco irmáns, acompañados do seu can Chispa, necesitarán a axuda do público, que se divertirá e aprenderá mentres participa neste reto.

‘Minia convídate a xogar’

FalaRedes tamén contará esta fin de semana coa estrea no programa da peza teatral Minia convídate a xogar, de Teatro Babaluva. Esta actividade chega ao FalaRedes da man do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021. Estará esta tarde ás 18,30 horas no Salón Multiúsos do Concello do Pereiro de Aguiar (Ourense) e nas vindeiras semanas fará parada tamén en Cambados, Oroso, Padrón e Mos.

Dirixida a nenos de un a seis anos e ás súas familias, conta a historia de Minia, unha muller que atopa unha chea de caixas de cartón no almacén onde enredaba de cativa. As caixas semellan inútiles, pero dan pé a lembrar os xogos, aventuras e personaxes que creaba con elas para se divertir de cativa. Minia convídate a xogar quere promover o xogo libre e en galego, excitar a curiosidade e arrequecer o imaxinario dos máis pequenos, que non precisan de xoguete ningún para deixar voar a imaxinación e pasalo ben.

‘FalaRedes’

O programa de dinamización lingüística FalaRedes, da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, ofrécelles aos concellos e entidades pertencentes á Rede de Dinamización Lingüística actividades en galego para o tempo de lecer coa finalidade de ampliar a oferta de ocio no noso idioma, promover o uso e valoración positiva da lingua propia de Galicia e apoiar os artistas que desenvolvan o seu traballo en galego.