A conselleira de Política Social participou esta mañá no acto en conmemoración do Día Mundial do Alzhéimer organizado por Fagal na Praza da Quintana

Fabiola García destaca a importancia de preservar a atención directa e personalizada das persoas con Alzhéimer

Lembra que os usuarios dos centros de día poderán seguir acudindo ás instalacións a pesar de estar en concellos con restricións

Agradece o traballo da Federación Alzhéimer Galicia na procura de solucións para axudar ás persoas máis vulnerables

Santiago de Compostela, 19 de setembro de 2020

A conselleira de Política Social, Fabiola García, destacou a importancia de preservar a atención directa e personalizada das persoas con Alzhéimer. Fíxoo durante un acto en conmemoración do Día Mundial do Alzhéimer, organizado pola Federación Alzhéimer Galicia (Fagal) na Praza da Quintana, en Santiago.

A conselleira sinalou que durante a crise sanitaria da covid-19 as persoas con Alzhéimer puideron verse afectadas pola ausencia de actividade de centros de día ou das terapias individuais. Neste sentido, lembrou que o Goberno galego vén de elaborar un protocolo específico para permitir que estas instalacións se poidan manter abertas a pesar de atoparse en concellos con restricións.

Unha medida que, concretou, pretende garantir a normalidade e os coidados das persoas máis vulnerables e que permitirá mellorar a súa calidade de vida. Ademais, agradeceu a Fagal a súa implicación no coidado das persoas con Alzhéimer e en colaborar en converter a Galicia no mellor lugar para facerse maior.

Imaxes relacionadas