O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, participou na presentación do libro José Manuel Romay Beccaría, vida y pensamiento político

Feijóo apela á política que convence, persuade e escoita, inmersa na realidade e que é capaz de transformala

Sobre o protagonista do libro, di que sen Romay non se entende a historia española e galega recente: “Estamos a falar dun home das transicións: da que converte España nunha democracia e da que fai de Galicia unha autonomía constitucional e solvente”

A Coruña, 18 de setembro de 2020

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, apelou hoxe á política que convence, persuade, escoita e se adapta constantemente á evolución do lugar, inmersa na realidade e que é capaz de transformala.

Durante a presentación do libro José Manuel Romay Beccaría, vida y pensamiento político, Feijóo aseverou que o autor desta obra camiña entre eses dous mundos: “Ubicado nesa categoría de homes con achegas relevantes ao pensamento, atopamos a outro José Manuel Romay que traballa arreo en todos os ámbitos da administración e da política práctica, desde os seus comezos ata a presidencia do Consello de Estado”, subliñou.

Ao longo da súa intervención, o titular do Goberno galego aseverou que sen Romay non se entende nin se comprende a historia española e galega recente. “Non en van -recordou-, estamos a falar dun home da transición, ou mellor dito, das transicións: da que converte España nunha democracia e da que fai de Galicia unha autonomía constitucional e solvente”.

Logo de afirmar que o entendemento democrático nunca pasará de moda, Feijóo resaltou que Romay Beccaría crea “xurisprudencia” neste terreo, desempeñando responsabilidades tan dispares e acadando sempre éxitos notables que non se basean en regatear os problemas, senón en afrontalos.

“O exercicio da política para Romay é incompatible coa frivolidade e os xestos baleiros”, dixo, recordando que detrás de todos os cambios tranquilos que transforman os países sen dividilos e superan dificultades con medidas razoables, atópanse homes de Estado sosegados como José Manuel Romay.

“A España actual é produto da conxunción duns políticos responsables cun pobo maduro, baixo unha Constitución, un Estado das autonomías e unha monarquía constitucional”, concluíu.

Imaxes relacionadas