Sanidade inclúe Verín nos concellos con restricións e establece medidas especiais máis restritivas en varias rúas da cidade de Ourense

A decisión tomouse esta mesma mañá na xuntanza do subcomité clínico de expertos sanitarios

O subcomité de expertos tamén aconsella manter as medidas vixentes nos concellos de Santiago, Silleda, Lalín, Lugo, Poio, Pontevedra, Vilaboa, Marín, Ourense e en varios barrios do concello da Coruña

Adoptouse tamén a decisión de incluír Verín no grupo de concellos con restricións

Sanidade levanta restricións nos concellos de Arteixo, A Garda e O Rosal

Santiago de Compostela, 18 de setembro de 2020

A Consellería de Sanidade vai elevar as restricións específicas en catro rúas da cidade de Ourense que son Antonio Puga, Doutor Fleming, Xesús Soria e Avenida de Portugal (dende o cruce con rúa Ervedelo ata cruce con rúa Irmáns Xesta). Entre as limitacións establecidas para estas rúas están a de limitar reunións privadas ata un máximo de 5 persoas e a prohibición de que bares e cafeterías poidan servir no interior, limitándose a atender nas terrazas a grupos de 5 persoas. Os restaurantes poden servir no interior, a un máximo de 5 persoas por mesa. A decisión tomouse esta mesma mañá, logo da xuntanza do Subcomité clínico de expertos sanitarios.

Ademáis, á vista da situación epidemiolóxica da covid-19 en Galicia, adoptouse a decisión de incluír Verín no grupo de concellos con restriccións vixentes. Entre as medidas que adoptan estes concellos destanca a limitación dos aforos ao 50% nos establecementos comerciais, de restauración e hostalería -onde ademais estará prohibido o consumo en barra-, a limitación do número máximo de persoas nas xuntanzas tanto privadas como na vía pública fixado nun máximo de 10 persoas; así como a redución dos aforos en celebracións, velorios e lugares de culto,

Concellos que manteñen restriccións

O subcomité de expertos aconsella manter as medidas vixentes en varios concellos. Así, continúan sen cambios Santiago, Silleda, Lalín, Lugo, Ourense, Poio, Pontevedra, Vilaboa, Marín e varios barrios do concello da Coruña, que vén prorrogada a vixencia das limitacións establecidas por Sanidade.

Arteixo, A Garda e O Rosal levantan restriccións

Finalmente, e ante a evolución estable dos datos, o subcomité de expertos sanitarios acordou levantar as limitacións nos concellos de Arteixo, A Garda e O Rosal, que desde esta mesma medianoite voltan adoptar as mesmas medidas que no resto de Galicia.

Todas estas medidas publicaranse no Diario Oficial de Galicia esta tarde e entrarán en vigor as 00:00 horas desta noite. Volverán revisarse en sete días.

A intención de Sanidade é poder actuar de xeito más selectivo e con maior rapidez ante a aparición de casos nunha zona concreta. É por isto que, fronte ás medidas adoptadas para toda a comunidade autónoma dende o principio da pandemia, quérese agora acoutar o máis posible, puidendo restrinxirse e regularse determinadas actividades xa non por áreas sanitarias, senón por concellos, cidades ou mesmo barrios.