O XX Encontro Internacional de Torneiros da Madeira reunirá esta fin de semana a tornería europea nunha edición online

A Xunta, a través da Fundación Artesanía de Galicia, colabora un ano máis con esta iniciativa que permite poñer en valor este oficio tradicional

Esta edición do Encontro acolle demostracións de profesionais de recoñecido prestixio internacional

Santiago de Compostela, 18 de setembro de 2020

A Xunta, a través da Fundación Artesanía de Galicia, colabora como en edicións anteriores no XX Encontro Internacional de Torneiros da Madeira, que se celebra anualmente en Xermade e que esta fin de semana se converte nunha cita online a través da web www.encontrodetorneiros.org. A iniciativa permitirá visibilizar e poñer en valor o oficio do torneado de madeira así como contribuír ao intercambio de experiencias e ao desenvolvemento do sector grazas á participación de torneiros de recoñecido prestixio.

A edición online convértese no punto de encontro do torneado artesanal da madeira, no que cada ano participan profesionais non só de toda Galicia senón do resto de España e de Europa. Esta nova edición ofreceralle aos profesionais e afeccionados do oficio un espazo no que poder expoñer, contrastar e aprender.

Na renovada web www.encontrodetorneiros.org publicaranse a partir de hoxe no apartado Exposición 2020 pezas e demostracións especializadas a cargo de profesionais de prestixio internacional, amosando os traballos que os torneiros realizaron nesta tempada, e dotarase de novos contidos, como a XIII exposición da madeira torneada CONtornos, que recolle a representación do XIX Encontro celebrado o pasado ano.

Imaxes relacionadas