O Goberno galego retoma o calendario lexislativo coa aprobación dos tres primeiros textos relativos ao impulso demográfico, á ordenación do territorio e á pesca fluvial sustentable

Feijóo recorda que Galicia será a primeira comunidade de España en contar cunha Lei de impulso demográfico

Asevera que a Lei de Ordenación do Territorio actualiza, simplifica e axiliza os diferentes instrumentos da planificación urbanística, para esquivar posibles desequilibrios

Destaca a Lei de Pesca Continental con instrumento co que avanzar cara unha pesca fluvial sustentable a longo prazo

Santiago de Compostela, 17 de setembro de 2020

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, confirmou hoxe que o novo Goberno galego retoma o calendario lexislativo coa aprobación no Consello dos tres primeiro textos relativos ao impulso demográfico, á ordenación do territorio e á pesca fluvial sustentable.

No tocante ás tres normas, que serán remitidas ao Parlamento, Feijóo recordou que a Lei de impulso demográfico “é unha norma que pretende que Galicia sexa un bo lugar para ter familia”. Non en van, a Comunidade galega será a primeira en ter un texto neste eido.

“A lei ordena e dá coherencia ás medidas de impulso demográfico que xa se están a poñer en práctica: axudas económicas; facilidades para as familias; medidas destinadas a impulsar a conciliación; iniciativas de apoio á mocidade; e incentivos ao retorno dos galegos do exterior, entre outras”, explicou, subliñando que todas as actuacións contempladas suporán un investimento anual de 800 millóns de euros.

Sobre a Lei de Ordenación do Territorio, Feijóo aseverou que se trata dunha norma que actualiza, simplifica e axiliza os diferentes instrumentos da planificación urbanística, para esquivar posibles desequilibrios. “Unha norma máis eficaz e útil que pretende ofrecer unha ordenación do territorio igualitaria e coherente para os 313 concellos galegos”, dixo.

Ao respecto, recordou os tres grandes eixos do texto: a aposta pola simplificación administrativa como eixo fundamental e inspirador de toda a lei, tanto no número de figuras como no procedemento da súa tramitación; un único procedemento de tramitación para todos os instrumentos de ordenación do territorio; e a integración do procedemento ambiental no de tramitación do instrumento de ordenación, evitando así acudir a diversas normas para identificar que procedemento resulta aplicable. “É unha lei estrutural que, entendemos, é máis necesaria que nunca nun momento, ademais, de reactivación económica”, aseverou o presidente da Xunta.

Por último, e tamén no ámbito do Medio Ambiente, remitirase ao Parlamento a Lei de Pesca Continental, para avanzar cara a unha pesca fluvial sustentable a longo prazo, para os 40.000 pescadores que hoxe están con licenza en Galicia.

Un instrumento normativo que permitirá avanzar en catro obxectivos: garantir a remuda xeracional no ámbito da pesca creando escolas de río; fomentar a pesca sustentable; empregar a pesca fluvial como ferramenta de desenvolvemento turístico, económico e social do medio rural; e dotarnos dunha boa planificación estratéxica de xestión da pesca para poñer en valor os recursos naturais piscícolas.

Imaxes relacionadas