A Consellería do Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 9,00 h de hoxe

Seguen activos os lumes de Lobios-Río Caldo (2.000 ha no Parque Natural do Xurés), Muíños-Prado de Limia (30 ha tamén neste parque natural) e Rairiz de Veiga-Sabariz (300 ha)

Estabilizados os incendios de Vilariño de Conso-Sabuguido (700 hectáreas), Chandrexa de Queixa-Queixa (500 ha), Manzaneda-Cernado (850 hectáreas), Manzaneda-Paradela (400 ha), A Mezquita-Cádavos (450 ha) e Montederramo-Gabín (30 ha)

Controlados os lumes de Vilar de Barrio-Rebordechau (700 ha), Cualedro-Montes (un de 1.300 ha e outro de 80 ha), A Pobra de Trives-Pena Petada (50 ha) e Muíños-Requiás (11 ha no Parque do Xurés)

Extinguido o lume de Vilardevós-Vilar de Cervo (296,29 ha)

Santiago de Compostela, 17 de setembro de 2020

A Consellería do Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 9,00 h. de hoxe.

ACTIVOS

Lobios
Dende as 19,40 h. do sábado permanece activo o lume do municipio ourensán de Lobios, parroquia de Río Caldo, que afecta provisionalmente unhas 2.000 hectáreas do Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés. Esta medición é provisional ata que se parametrice a superficie final afectada. Para a súa extinción mobilizáronse ata o de agora 1 técnico, 37 axentes, 81 brigadas, 49 motobombas, 1 pa, 13 helicópteros e 8 avións. Tamén colaboraron efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Muíños
Tamén no Parque Natural do Xurés, entrou a pasada medianoite un lume procedente de Portugal que afecta o concello ourensán de Muíños, parroquia de Prado de Limia, e o limítrofe municipio de Lobios. Segundo as primeiras estimacións, a superficie afectada é dunhas 30 hectáreas. No lugar levan traballado ata o momento 4 axentes, 7 brigadas, 5 motobombas e 2 pas.

Rairiz de Veiga
Permanece activo o lume rexistrado no municipio ourensán de Rairiz de Veiga, parroquia de Sabariz, tras comezar ás 13,44 h. do domingo. Segundo as últimas estimacións, afecta unhas 300 hectáreas provisionais. Para a súa extinción mobilizáronse 27 axentes, 48 brigadas, 34 motobombas, 2 pas, 1 helicóptero e 9 avións. Tamén colaboraron efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

ESTABILIZADOS

Vilariño de Conso
Quedou estabilizado ás 21,35 h. do mércores o incendio rexistrado o domingo no municipio ourensán de Vilariño de Conso, parroquia de Sabuguido. Segundo as últimas estimacións provisionais, afecta unhas 700 hectáreas. Para o control deste lume lévanse mobilizado 21 axentes, 41 brigadas, 17 motobombas, 4 pas, 18 helicópteros e 9 avións, así como efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Montederramo
Estabilizado ás 21,50 h. do mércores o lume que comezaba o luns no municipio ourensán de Montederramo, parroquia de Gabín. Segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie provisional dunhas 30 hectáreas. Para o seu control lévanse mobilizado 15 axentes, 24 brigadas, 12 motobombas, 1 pa, 7 helicópteros e 6 avións.

Manzaneda
Estabilizado ás 20,43 h. do mércores o lume rexistrado o luns no municipio ourensán de Manzaneda, parroquia de Cernado. Segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie provisional dunhas 850 hectáreas. No seu control levan traballado 1 técnico, 8 axentes, 18 brigadas, 6 motobombas, 1 pa, 5 helicópteros e 10 avións.

Tamén quedou estabilizado, ás 20,35 h de onte, o lume iniciado o luns neste municipio pero na parroquia de Paradela, ao que se lle uniu un terceiro orixinado na parroquia de San Martiño, o que evidencia a clara intencionalidade. Entre os dous suman unha superficie provisional dunhas 400 hectáreas. No lugar levan traballado ata o momento 1 técnico, 21 axentes, 42 brigadas, 28 motobombas, 2 pas, 8 helicópteros e 4 avións.

A Mezquita
Estabilizado ás 21,10 h. do mércores o lume que entrou o luns dende Zamora e que afecta o concello da Mezquita, parroquia de Cádavos. Segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie provisional dunhas 450 hectáreas. Para a súa extinción lévanse mobilizado ata o de agora 9 axentes, 24 brigadas, 9 motobombas, 2 pas, 3 helicópteros e 4 avións.

Chandrexa de Queixa
Estabilizado ás 20,44 h. do mércores o lume que se orixinou o domingo na parroquia de Queixa, concello ourensán de Chandrexa de Queixa. Segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie provisional de 500 hectáreas. Na súa extinción levan traballado ata o de agora 1 técnico, 14 axentes, 28 brigadas, 11 motobombas, 2 pas, 12 helicópteros e 2 avións. 


CONTROLADOS

Cualedro
Controlados ás 20,46 h. do mércores os dous incendios rexistrados no concello ourensán de Cualedro, parroquia de Montes. O meirande dos lumes iniciouse o domingo e, segundo as últimas estimacións provisionais, afecta unhas 1.300 hectáreas. Para o seu control mobilizáronse ata o momento 1 técnico, 28 axentes, 41 brigadas, 27 motobombas, 5 pas, 8 helicópteros e 4 avións, así como efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

O segundo dos incendios comezou o luns e afecta, segundo as últimas medicións provisionais, unhas 80 hectáreas. Para o seu control mobilizáronse ata o de agora 8 axentes, 8 brigadas, 10 motobombas e 5 helicópteros.

Vilar de Barrio
Controlado ás 21,00 h. do mércores o lume que se iniciou o sábado no concello ourensán de Vilar de Barrio, parroquia de Rebordechau. De acordo coas últimas estimacións provisionais, afecta unha superficie de arredor de 700 hectáreas. Para o seu control mobilizáronse polo de agora 14 axentes, 34 brigadas, 17 motobombas, 2 pas, 11 helicópteros e 14 avións.

Muíños
Controlado ás 21,00 h. do mércores o lume do concello de Muíños, parroquia de Requiás, que afecta provisionalmente unhas 11 hectáreas do Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés. Este incendio iniciouse en dous focos diferentes e simultáneos, o que apunta a unha clara intencionalidade. Polo de agora, para o seu control lévanse mobilizado 3 axentes, 10 brigadas, 6 motobombas, 4 helicópteros e 2 avións.

A Pobra de Trives
Segue tamén controlado, dende as 2,01 h. do martes, o lume que se iniciara o luns no concello ourensán da Pobra de Trives, parroquia de Pena Petada, que afecta unhas 50 hectáreas provisionais. No seu control levan traballado ata o momento 2 axentes, 2 brigadas, 2 motobombas e 1 helicóptero.

EXTINGUIDOS

Vilardevós
Extinguido ás 21,18 h. do mércores o lume do concello ourensán de Vilardevós, parroquia de Vilar de Cervo. A superficie afectada foi de 296,29 hectáreas de monte raso. Na súa extinción traballaron 27 axentes, 34 brigadas, 25 motobombas, 4 pas e 8 helicópteros.

A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais poderá ser consultada na conta aberta de twitter: @incendios085.