O presidente Alberto Núñez Feijóo presidiu o comité clínico de expertos sanitarios

A Xunta contrata preto de 2.000 novos profesores que se incorporarán ao sistema público neste curso

Educación amplía a plantilla de docentes, máis de 1.100 deles para ESO, Bacharelato e FP, para reforzar a seguridade nas aulas e cumprir co compromiso de atender as necesidades de profesorado expostas polos centros

Sanidade establece medidas restritivas en Silleda e Marín, logo da reunión do comité clínico que tivo lugar esta mañá

Ademais levanta as restricións nos concellos de Carballo, A Laracha, Ponteceso e Laxe, na comarca de Bergantiños

Establécense, consensuados coa Consellería de Política Social, os novos protocolos para facilitar os réximes de visitas en residencias de maiores e persoas discapacitadas e o funcionamento dos centros de día

O comité tamén lle deu o visto e prace ao Protocolo para o Alumnado con Necesidades Educativas Especiais e ao Protocolo de prevención da covid-19 nos comedores dos centros

Dende hoxe está operativa en Galicia a aplicación de rastrexo Radar Covid para detectar contactos estreitos de casos confirmados de covid-19

Santiago de Compostela, 16 de setembro de 2020

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo presidiu esta mañá a reunión do comité clínico de expertos sanitarios, no cal, entre outros asuntos, se deu conta da contratación de profesorado para este curso. Deste xeito, o Goberno galego vén de reforzar a plantilla de docentes do sistema público coa contratación de 2.000 novos profesores que se incorporarán ao centros neste curso escolar.

Ao remate da xuntanza, o conselleiros de Sanidade, Julio García Comesaña, e de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, informaron dos asuntos abordados.

Así, o conselleiro Román Rodríguez explicou a incorporación de arredor de 2.000 novos profesores ao sistema de ensino público; o que supón un incremento do 6,2% sobre a plantilla total de profesorado para este curso. Con este reforzo dos equipos docentes dáse resposta á principal demanda da comunidade educativa e cúmprese co compromiso de atender as necesidades de profesorado expostas polos centros. “Con esta decisión -sinalou o conselleiro- pechamos a acción máis importante da Xunta de Galicia para o desenvolvemento do curso coas máximas garantías de seguridade e calidade”.

Dos preto de 2.000 novos profesores, 1.107 serán para as etapas de ESO, Bacharelato e Formación Profesional (847 para reforzar as medidas de seguridade contra a covid e 260 que se incorporan para atender o incremento de oferta); 240 son para Infantil e Primaria (que xa están contratados e traballando nos centros) e 543 son novos docentes de apoio a través do programa ARCO de reforzo educativo (221 para Primaria e 322 para Secundaria).

Reforzo en Secundaria

Segundo explicou Román Rodríguez, a incorporación dos 847 profesores da etapa de Secundaria “producirase de maneira inmediata” os vindeiros días. Nestes momentos -logo de quedaran cargadas todas as vacantes na aplicación informática á que teñen acceso os 360 centros públicos de ESO, Bacharelato e FP- os centros xa coñecen o número de profesores que incorporan, o que vai facilitar que poidan completar o deseño de grupos, horarios e outras cuestións organizativas para o inicio da actividade lectiva nos institutos de toda Galicia.

Así, o venres está previsto que se adxudiquen os destinos finais do profesorado unha vez que os centros completen os trámites administrativos; e a vindeira semana estarán todos incorporados nos seus respectivos centros con motivo do arranque do curso de Secundaria o mércores día 23.

Restricións en Silleda e Marín

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, anunciou esta mañá, logo da reunión do comité clínico que segue a evolución epidemiolóxica da covid-19 en Galicia, a decisión da establecer medidas e restricións nos concellos pontevedreses de Silleda e Marín.

Entre as medidas que terán que adoptar estes concellos destacan a limitación dos aforos ao 50% nos establecementos comerciais, de restauración e hostalería -onde ademais estará prohibido o consumo en barra-, a limitación do número máximo de persoas nas xuntanzas tanto privadas como na vía pública fixado nun máximo de 10 persoas; así como a redución dos aforos en celebracións, velorios e lugares de culto.

Estas medidas serán publicadas esta tarde no DOG e entrarán en vigor desde as 00:00 horas desta medianoite.

Así mesmo, e ante a evolución estable dos datos, o comité de expertos sanitarios acordou levantar as limitacións nos concellos de Carballo, A Laracha, Ponteceso e Laxe, que desde esta mesma medianoite voltan adoptar as mesmas medidas co resto de Galicia.

Protocolos en residencias e centros de día

O conselleiro de Sanidade anunciou tamén que hoxe se ratificaron os protocolos para establecer os réximes de visitas en residencias de maiores e o funcionamento dos centros de día, consensuados coa Consellería de Política Social e o comité de expertos.

No referido ás residencias de persoas maiores e persoas con discapacidade, establécense unha serie de medidas no contexto da situación epidemiolóxica e en función do nivel de risco de aparición dun brote, para permitir realizar visitas de familiares. Tamén se establecen condicións para realizar saídas e evitar o illamento das persoas residentes nos seus cuartos.

En canto ao protocolo para centros de día, as medidas van orientadas a permitir a súa apertura diurna e que protexan as persoas de maior idade, promovendo os grupos de convivencia estable.

Protocolo Necesidades Educativas Especiais

Así mesmo, o comité clínico deulle o visto e prace ao Protocolo específico para alumnado con necesidades educativas especias que -tomando como base o que xa rexe no ensino galego- busca artellar unha resposta máis axeitada e concreta á atención á diversidade no actual contexto covid.

Logo de escoitar aos expertos e aos colectivos de atención á diversidade, así como de ter en conta as recomendacións e pautas sanitarias de obrigado cumprimento, o documento recolle unha serie de medidas específicas que axudará a reforzar a seguridade nas aulas para estes alumnos.

Protocolo de comedores escolares

O comité clínico aprobou tamén o Protocolo de prevención da covid-19 nos comedores dos centros educativos non universitarios, un documento elaborado coas achegas de asociacións de nais e pais, co que se busca reforzar a seguridade sanitaria na prestación do servizo ao tempo que ofrecer seguridade xurídica ás entidades que xestionan este servizo complementario.

Entre as principais liñas destaca a limitación de aforo co obxectivo de garantir a separación de alomenos metro e medio de distancia sentados en diagonal (o alumnado que conforma grupos estables de convivencia poderá comer agrupado sen gardar distancia); e a posibilidade de incrementar o número de quendas de comedor, de empregar outros espazos ou de instalar mamparas cando non sexa posible garantir a distancia de seguridade.

Canto aos alumnos, será obrigatorio o uso de máscara agás no momento específico da alimentación, e ocupar un sitio fixo no comedor e rexistrar o lugar que ocupa cada un (isto último co obxectivo de facilitar a localización de contactos en caso de gromos). Ademais, o equipo covid do centro disporá dun plano de situación do comedor cos postos fixos asignados a cada un dos rapaces, e fará un control diario de asistencia.

Canto ao persoal, tamén deberá empregar máscara de protección en todo momento, realizar o cuestionario de autoavaliación da covid antes de cada xornada.

Doutra banda, tamén se validaron por parte do comité clínico as medidas voluntarias que foron anunciadas ao longo dos últimos días (semipresencialidade, uso de mamparas protectoras,...) co obxecto de dar cobertura xurídica e certeza de que as medidas implementadas contan co preciso aval sanitario na procura de retorno seguro ás aulas.

Aplicación de rastrexo Radar Covid

Tamén anunciou o conselleiro García Comesaña que desde hoxe está operativa en Galicia a aplicación de rastrexo Radar Covid, logo de que a Xunta completara a integración da app cos sistemas do Sergas nos prazos establecidos polo Goberno central.

A aplicación Radar Covid emprega a conexión Bluetooth dos terminais para detectar contactos estreitos de casos confirmados de covid-19, recoñecendo os dispositivos que estiveron a menos de 2 metros de distancia nos 14 días anteriores e durante máis de 15 minutos. Cando unha persoa é diagnosticada de covid-19 pode alertar de xeito anónimo a través da aplicación cun código alfanumérico que lle proporcionarán as autoridades sanitarias. A app enviará unha alerta anónima a todos os seus contactos estreitos, alertándolles de que estiveron en contacto cun positivos e facilitándolle as instrucións necesarias para que saiban como actuar.

Imaxes relacionadas