A Xunta invita á sociedade galega a participar na mellora e conservación da capa de ozono

Como cada 16 de setembro, hoxe conmemórase o Día Internacional para a conservación da capa de ozono, que nesta edición se celebra baixo o lema ‘Ozono para a vida’

A capa de ozono é unha franxa fráxil de gas, situada na estratosfera, que contribúe a preservar a vida no planeta protexéndoa dos efectos nocivos da radiación solar
 

Santiago de Compostela, 16 de setembro de 2020-

Con motivo do Día Internacional para a conservación da capa de ozono, a Xunta de Galicia invita ao conxunto da sociedade galega a participar na preservación da capa de ozono.

A capa de ozono é unha franxa fráxil de gas, situada na estratosfera, que contribúe a preservar a vida no planeta protexéndoa dos efectos nocivos da radiación solar. A finais dos anos setenta se detectou que a acción da humanidade estaba a crear un burato en dito escudo protector, a consecuencia da emisión á atmosfera de sustancias que esgotan esta capa, e que foron creadas polo home para o seu uso en aparatos de refrixeración e aires acondicionados.

A resposta a esta situación,chegou da man do Protocolo de Montreal, asinado no ano 1987, onde gobernos, científicos e industrias traballaron xuntos para prohibir estas sustancias e buscar alternativas.

Hoxe, grazas a ese esforzo colectivo, a comunidade científica e a industria lograron substituír o 99% dos gases utilizados en aerosois e aparellos de refrixeración que estaban a causar este buraco. A capa de ozono está a recuperarse, polo que a mediados deste século poderá recuperar o seu grosor e acadar os niveis que rexistraba en 1980, contribuíndo así a protexer a saúde humana e os ecosistemas. Cómpre recordar que a ausencia de parte de dito escudo pode provocar cáncer de pel, cataratas oculares e distorsionar o crecemento das plantas.

A celebración deste día tamén debe recordarnos que a loita non cesou e, polo tanto, hai que evitar o uso de gases contaminantes que contribúen á redución da capa de ozono.

Así, cando detectes filtracións nun electrodoméstico, como unha neveira ou nos sistemas de acondicionado do teu fogar é recomendable intentar reparar esa incidencia, antes de desbotar dito elemento.
 

Imaxes relacionadas