A Xunta reúnese con expertos da Comisión Europea para abordar as consecuencias das medidas do Plan de recuperación para Europa en Galicia

A Fundación Galicia Europa acolle a primeira dunha serie de encontros baixo o nome ‘Galicia na recuperación económica europea’ dirixidos aos directores xerais dos distintos departamentos da Administración autonómica

Bruxelas, 16 de setembro de 2020

A Fundación Galicia Europa estreou hoxe a primeira das reunións virtuais Galicia na recuperación económica europea, entre a Comisión Europea e os directores xerais da Xunta organizadas para coñecer de preto as políticas que se impulsan dende a Unión Europea e sobre a execución destas en Galicia.

Deste modo, os directores xerais dos distintos departamentos da Administración autonómica coñecerán de primeira man as estratexias europeas en curso, que cobran unha maior relevancia no marco do novo Plan de Recuperación para Europa e do marco financeiro plurianual 2021-2027, ambos acordados o pasado mes de xullo.

Esta primeira reunión contou coa participación de representantes da Comisión Europea en materia de enerxía e política rexional para abordar a transición ecolóxica, á que irá destinado o 30% do orzamento da UE para o período 2021-2027. En concreto, abordouse o futuro Fondo de Transición Xusta, dotado de 17.500 millóns de euros para sufragar os custos sociais e económicos da transición cara unha economía hipocarbónica.

Este novo fondo está pensado para territorios altamente dependentes de industrias que non teñen cabida no proceso de transición verde, como a produción de carbón ou as que emiten unha gran cantidade de gases contaminantes, e nos que a desaparición destas industrias implica grandes custos sociais e económicos.
A próxima das reunións virtuais programadas pola Fundación Galicia Europa terá lugar o mércores 23 de setembro e contará con representación da Dirección Xeral de Mercado Interior, Industria e Emprendemento da Comisión Europea, que exporá as principais características da nova Estratexia Industrial para Europa.
 

Imaxes relacionadas