A Xunta destaca o papel dos voluntarios de Protección Civil para garantir unha peregrinaxe segura no Camiño de Santiago

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, avanzou hoxe en comisión parlamentaria que o plan de protección civil de atención ao peregrino adaptarase no Xacobeo 2021 á realidade da covid-19

O Goberno galego apoia as actuacións das agrupacións dos Camiños e destinou este ano 340.000 euros ao funcionamento das AVPC galegas e nos últimos anos 9 millóns de euros para dotalas de equipamento de emerxencias
 

Santiago de Compostela, 16 de setembro de 2020

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, destacou hoxe a aposta da Xunta por velar pola seguridade dos peregrinos que percorren os distintos traxectos do Camiño de Santiago, a través dun plan de protección civil de atención ao peregrino para garantir unha peregrinaxe segura mediante o apoio ante as posibles situacións de emerxencia nas rutas xacobeas.

Así o sinalou hoxe no Parlamento galego durante a resposta a unha pregunta parlamentaria na que anunciou que este plan adaptarase de cara ao Xacobeo 2021, en consenso coas entidades locais e as Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (AVPC), para ter en conta os riscos derivados do coronavirus.

Santiago Villanueva destacou a colaboración constante e fluída coas agrupacións de voluntarios de Protección Civil da comunidade, que considera un piar fundamental para fomentar un Camiño seguro e sustentable. Desde 2017 este plan renovase de forma anual co que apoiar as actuacións das agrupacións do Camiño Francés, o Camiño Portugués e Vía da Prata.

O Goberno destinou entre 2017 e 2019 máis de 300.000 euros en axudas para as actuacións das AVPC que atenden aos camiñantes por cuestións de protección civil no seu termo municipal e nos concellos limítrofes: axuda personalizada, traslado de feridos ou primeiros auxilios.

En concreto, en accións de prevención, promoción, divulgación, información e socorro contribuíndo á concienciación, información e seguridade dos peregrinos. As agrupacións traballan en coordinación co Centro de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, ao que informan da súa actividade e das incidencias nas diferentes rutas, e tamén en colaboración co resto de corpos de seguridade e servizos de emerxencias. Ademais, atenden albergues e dan cobertura a grandes eventos e concentracións humanas que, este ano, debido á crise sanitaria do coronavirus non se produciron.

Pese a que a pandemia reduciu as aglomeracións e a afluencia no Camiño, as AVPC galegas centraron o seu traballo en actuacións relacionadas coa covid-19, como o reparto de alimentos e medicamentos, a visita a persoas que viven soas ou a desinfección de lugares públicos, que supuxeron un total de 90.000 operativos.

No marco do compromiso da Xunta por manter a seguridade nas rutas xacobeas, o Goberno galego editou a Guía de Emerxencias para a peregrinación polos camiños de Santiago
-editada en castelán, galego e inglés- distribuída polas AVPC dos Camiños, que recolle consellos prácticos, medidas de autoprotección e información en caso de emerxencia.

Ademais dos convenios para prestar atención no Camiño de Santiago, a Xunta tamén apoia ás AVCP nos seus gastos de funcionamento cunha liña de axudas que este ano acadan 340.000 euros. O Goberno galego tamén lles cede equipamento de emerxencias, que nos últimos anos supuxo un investimento de máis de 9 millóns de euros. Ademais, ofértalles formación a través da Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP).
 

Imaxes relacionadas