A Xunta organiza en Bergondo un curso para aprender a montar pequenas instalacións de rega

Desenvolverase no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Guísamo entre os vindeiros días 21 e 25 de setembro

A acción está integrada no Plan de formación ao agro galego que desenvolve a Consellería do Medio Rural a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria

Santiago de Compostela, 16 de setembro de 2020

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), organiza en Bergondo un curso para aprender a montar pequenas instalacións de rega. A acción formativa, que terá lugar entre os vindeiros 21 e 25 de setembro, desenvolverase no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal (CFEA) de Guísamo, en horario de mañá e tarde.

A iniciativa, que terá unha duración total de 20 horas, contará cunha xornada teórica na que se analizarán conceptos básicos como os caudais e as presións, así como os distintos elementos necesarios para as instalacións e o cálculo do tempo de rega. A maiores, os asistentes aprenderán a interpretar planos, as claves da estacaxe e como deben acometer a apertura de gabias para montar os aparellos de rega.

Na parte práctica, que constará de catro xornadas, abordarase como instalar diferentes tipos de redes de rega, como son os goteiros, os microaspersores, a rega enterrada con aspersores e difusores e a rede de rega enterrada con tendido de tubería e regadores.

Este curso está integrado no Plan de formación ao agro galego 2020, cuxo principal obxectivo é impulsar o desenvolvemento de actividades formativas, de demostración e información que leva a cabo a Consellería do Medio Rural. Con estas accións, preténdese contribuír a que os coñecementos cheguen aos seus últimos destinatarios: agricultores, gandeiros, silvicultores ou representantes da industria agroalimentaria.

Polo tanto, trátase de mellorar a capacitación dos traballadores dos sectores agrario, agroalimentario e forestal en todo o relacionado cos aspectos técnicos e económicos das súas actividades incidindo, cando sexa preciso, na reordenación das producións e no emprego dos métodos produtivos respectuosos coa conservación e na protección do medio.