A Cooperativa Campo da Capela acollerá nos vindeiros días dous cursos para gandeiros de vacún de leite deseñados para aumentar a eficiencia económica das súas explotacións

Estas accións están integradas no Plan de formación ao agro galego que desenvolve a Consellería do Medio Rural a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria

Santiago de Compostela, 15 de setembro de 2020

O local da cooperativa Campo da Capela acollerá este venres e o vindeiro luns dous cursos dirixidos a gandeiros de vacún de leite, organizados pola Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal).

No primeiro caso, trátase dunha acción formativa centrada na eficiencia das explotacións, que se desenvolverá o vindeiro venres, en horario de mañá e tarde. Terá seis horas de duración e está previsto que participen nela un total de 10 gandeiros. O programa do curso pretende satisfacer a necesidade manifestada polos titulares das explotacións e lograr que asocien o concepto de explotación agraria / gandeira co de empresa, coñecendo os principais parámetros económicos que se manexan.

Ademais de estudar estas cuestións, o programa da curso contempla a visita a dúas explotacións, situadas nos concellos de Ortigueira e de San Sadurniño. O obxectivo final da iniciativa é aumentar a eficiencia económica das explotacións.

No segundo caso, o curso terá lugar o vindeiro luns, día 21, e tamén cunha duración de 6 horas e concibido para unha decena de participantes. Versará sobre a xestión do pastoreo de gando vacún, co fin de amosar dun xeito práctico como aplicar os distintos métodos e técnicas de pastoreo segundo o tipo de explotación. Tratarase tamén de analizar a rendibilidade da explotación, o benestar dos animais e o respecto ao medio ambiente, ademais de mellorar o prezo do leite ao poder acadar o certificado de leite de pastoreo.

Tamén neste caso inclúese a visita a dúas explotacións de vacún (unha de carne e outra de leite) no propio municipio coruñés da Capela. En ambas aplícanse técnicas de pastoreo.

Imaxes relacionadas