A Consellería do Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 14,00 h de hoxe

Desactivada a Situación 2 no incendio activo de Vilariño de Conso, parroquia de Sabuguido, que afecta unhas 2.000 hectáreas

Seguen tamén activos os lumes de Lobios-Río Caldo (2.000 hectáreas no Parque Natural do Xurés), Cualedro-Montes (un de 1.300 ha e outro de 80 ha), Chandrexa de Queixa-Queixa (500 ha), Rairiz de Veiga-Sabariz (300 ha), Vilardevós-Vilar de Cervo (350 ha), Manzaneda-Cernado (450 hectáreas), Manzaneda-Paradela (400 ha), A Mezquita-Cádavos (400 ha), Laza-Camba (60 ha), Montederramo-Gabín (30 ha)

Estabilizados os incendios de Vilar de Barrio-Rebordechau (700 ha), A Gudiña-Pentes (150 ha) e Muíños-Requiás (9 ha no Parque do Xurés)

Controlados os lumes de Maceda-Castro de Escuadro (220 hectáreas), Ribas de Sil-Peites (60 ha) e A Pobra de Trives-Pena Petada (50 ha)

Santiago de Compostela, 15 de setembro de 2020

A Consellería do Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 14,00 h. de hoxe.

ACTIVOS

Vilariño de Conso

Quedou desactivada a Situación 2 que se decretara de xeito preventivo no lume do concello ourensán de Vilariño de Conso, parroquia de Sabuguido, ao non haber xa risco para núcleos de poboación. O incendio continúa activo dende as 2,22 h. do domingo e, segundo as últimas estimacións, afecta unhas 2.000 hectáreas. Esta medición é provisional ata que se parametrice a superficie final afectada. Para o control deste lume lévanse mobilizado 16 axentes, 32 brigadas, 14 motobombas, 4 pas, 14 helicópteros e 9 avións, así como efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Lobios

Dende as 19,40 h. do sábado permanece activo o lume do municipio ourensán de Lobios, parroquia de Río Caldo, que afecta unhas 2.000 hectáreas do Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés. Para a súa extinción mobilizáronse ata o de agora 1 técnico, 21 axentes, 49 brigadas, 28 motobombas, 1 pa, 11 helicópteros e 6 avións. Tamén colaboraron efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Cualedro

Este concello ourensán rexistra dous incendios na parroquia de Montes que permanecen activos e superan as 20 hectáreas. O meirande dos lumes iniciouse ás 14,48 h. do domingo e, segundo as últimas estimacións, afecta unhas 1.300 hectáreas. Para o seu control mobilizáronse 13 axentes, 23 brigadas, 14 motobombas, 5 pas, 6 helicópteros e 4 avións, así como efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

O segundo dos incendios comezou ás 3,04 h. do luns e afecta, segundo as últimas medicións, unhas 80 hectáreas. Para o seu control mobilizáronse ata o de agora 2 axentes, 2 brigadas, 3 motobombas e 5 helicópteros.

Chandrexa de Queixa

Está activo desde as 16,07 h. do domingo o lume da parroquia de Queixa, concello ourensán de Chandrexa de Queixa, que afecta provisionalmente unhas 500 hectáreas. Na súa extinción levan traballado ata o de agora 1 técnico, 5 axentes, 14 brigadas, 6 motobombas, 2 pas e 3 helicópteros.

Rairiz de Veiga

Permanece activo o lume rexistrado no municipio ourensán de Rairiz de Veiga, parroquia de Sabariz, tras comezar ás 13,44 h. do domingo. Segundo as últimas estimacións, afecta unhas 300 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse 17 axentes, 29 brigadas, 24 motobombas, 2 pas e 9 avións. Tamén colaboraron efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Vilardevós

Segue activo, desde as 1,04 h. do luns, o lume do concello ourensán de Vilardevós, parroquia de Vilar de Cervo. Segundo as últimas estimacións, a superficie afectada é dunhas 350 hectáreas. No seu control participaron ata o momento 17 axentes, 24 brigadas, 20 motobombas, 4 pas e 8 helicópteros.

Manzaneda

Activo desde as 5,32 h. do luns o lume do municipio ourensán de Manzaneda, parroquia de Cernado, que afecta provisionalmente unhas 450 hectáreas de superficie. No seu control levan traballado 1 técnico, 4 axentes, 7 brigadas, 4 motobombas, 1 avión e 1 helicóptero.

Tamén permanece activo desde as 2,40 h. do luns outro lume neste municipio, na parroquia de Paradela, ao que se lle uniu un terceiro rexistrado na parroquia de San Martiño, o que evidencia a clara intencionalidade. Entre os dous suman unha superficie provisional dunhas 400 hectáreas. No lugar están traballando 1 técnico, 11 axentes, 26 brigadas, 20 motobombas, 2 avións e 3 helicópteros.

A Mezquita

Activo dende as 12,24 h. do luns o lume procedente de Zamora que, segundo as últimas estimacións, afecta unhas 400 hectáreas do concello ourensán da Mezquita, parroquia de Cádavos. Para a súa extinción lévanse mobilizado ata o de agora 5 axentes, 12 brigadas, 7 motobombas, 2 pas, 1 avión e 2 helicópteros.

Laza

Segue activo desde as 20,29 h. do sábado o incendio do municipio ourensán de Laza, parroquia de Camba, que afecta arredor de 60 hectáreas, segundo as últimas estimacións provisionais. Para a súa extinción mobilizáronse ata o de agora 5 axentes, 16 brigadas, 3 motobombas, 3 pas e 4 avións.

Montederramo

Activo dende as 21,20 h. do luns un lume no municipio ourensán de Montederramo, parroquia de Gabín, que segundo as primeiras estimacións rolda as 30 hectáreas. Para o seu control lévanse mobilizado 6 axentes, 10 brigadas, 8 motobombas, 1 avión e 3 helicópteros.

ESTABILIZADOS

Vilar de Barrio

Segue estabilizado, dende as 19,35 h. do luns, o lume que se iniciou o sábado no concello ourensán de Vilar de Barrio, parroquia de Rebordechau. De acordo coas últimas estimacións provisionais, afecta unha superficie de arredor de 700 hectáreas. Para o seu control mobilizáronse polo de agora 13 axentes, 34 brigadas, 17 motobombas, 2 pas, 11 helicópteros e 14 avións.

A Gudiña

Continúa estabilizado, dende as 10,23 h. do luns, o lume que se rexistrara tamén o sábado no municipio ourensán da Gudiña, parroquia de Pentes. As últimas estimacións provisionais indican que rolda as 150 hectáreas de superficie afectada. Para o seu control mobilizáronse polo de agora 1 técnico, 9 axentes, 19 brigadas, 13 motobombas, 1 pa e 3 helicópteros.

Muíños

Permanece estabilizado, dende as 21,00 h. do luns, o lume do concello ourensán de Muíños, parroquia de Requiás, que afecta unhas 9 hectáreas do Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés. Este incendio iniciouse en dous focos diferentes e simultáneos, o que apunta a unha clara intencionalidade. Polo de agora, para o seu control lévanse mobilizado 2 axentes, 7 brigadas, 4 motobombas e 3 helicópteros.

CONTROLADOS

Maceda

Neste concello ourensán seguen controlados, dende as 17,47 h. do luns, os dous lumes que se iniciaron simultaneamente na parroquia de Castro de Escuadro ás 15,04 h. do domingo, o que indica unha clara intencionalidade. Entre os dous afectan unha superficie aproximada de 220 hectáreas. Para o control destes dous lumes mobilizáronse ata o momento 10 axentes, 13 brigadas, 10 motobombas e 3 pas.

Ribas de Sil

Continúa controlado, desde as 22,34 h. do luns, o incendio do municipio lugués de Ribas de Sil, parroquia de Peites. Este lume iniciábase a madrugada anterior en 4 focos simultáneos, o que evidencia tamén a intencionalidade. Segundo as últimas estimacións, afecta unhas 60 hectáreas. No seu control levan traballado 4 axentes, 23 brigadas, 12 motobombas, 1 pa e 1 helicóptero.

A Pobra de Trives

Controlado dende as 2,01 h. desta madrugada un lume que se iniciou onte no concello ourensán da Pobra de Trives, parroquia de Pena Petada, e que afecta unhas 50 hectáreas provisionais. No seu control levan traballado ata o momento 2 axentes, 2 brigadas, 2 motobombas e 1 helicóptero.

A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais poderá ser consultada na conta aberta de twitter: @incendios085.