A Xunta destina 350.000 euros para rehabilitar o edificio que acollerá o novo centro cultural e turístico Antonio Fraguas de Cerdedo-Cotobade

O vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, e o alcalde Jorge Cubela, asinaron hoxe o convenio de colaboración para reformar o antigo cine-baile de Carballedo que se empregaba en centro cultural

O proxecto contribuirá á dinamización da actividade cultural do municipio e enmarcase no Plan Estratéxico de Turismo Galicia 2020

Cerdedo-Cotobade (Pontevedra), 15 de setembro de 2020

A Xunta contribuirá a dinamizar a actividade do concello de Cerdedo-Cotobade cun investimento de 350.000 euros que destinará á rehabilitación do edificio do antigo cine-baile da parroquia de Carballedo para crear o novo centro cultural e turístico Antonio Fraguas.

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, e o alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, asinaron esta mañá o convenio de colaboración, a través do que o Goberno galego financia máis do 70% deste proxecto, dotado dun orzamento de preto de 500.000 euros.

Alfonso Rueda indicou que “esta actuación encadra perfectamente no Plan Estratéxico do Turismo de Galicia 2020. Hai que poñer en valor moitos dos pequenos tesouros que temos, moitas infraestruturas que simbolizan a nosa historia, que sempre é bo que se coñezan, que non se perdan e poder darlle unha segunda vida, e este e o perfecto exemplo”.

O titular da Vicepresidencia primeira, destacou o traballo da Xunta con actuacións coma estas centradas en poñer en valor recursos patrimoniais, culturais e artísticos dos concellos galegos co obxectivo de facer de Galicia un destino turístico seguro, de calidade, sustentable e, sobre todo, un destino único que potencie as características distintivas de cada zona. De feito, a iniciativa forma parte do Plan Estratéxico do Turismo de Galicia 2020, que ten como obxectivo aproveitar os recursos da comunidade galega e construír un destino único e diferencial ao redor da marca Galicia.

O proxecto permitirá rehabilitar o inmoble do antigo cine-baile que se empregara como centro cultural de Carballedo e transformalo nun espazo de 477 metros cadrados no que se poderán acoller diferentes actividades culturais, turísticas e sociais. Na planta baixa situarase un aula que se poderá dividir en dúas grazas a un tabique móbil, un vestíbulo amplo que tamén pode acoller recepcións e exposicións e uns aseos.

Ademais, acometerase unha ampliación na parte posterior do edificio para acoller un almacén, un cuarto de instalacións e un ascensor, permitindo que as dúas plantas teñan accesos independentes para celebrar actos de xeito simultáneo. Xa no primeiro andar habilitarase unha sala ampla para usos múltiples na que poderán realizarse unha pequena cabina de control e un almacén.

Imaxes relacionadas