O conselleiro de Sanidade entrega ao centro de ensino CPR Montesol un agasallo conmemorativo da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue polo seu labor en prol da doazón

Santiago de Compostela, 15 de setembro de 2020

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), recoñece a actividade do centro de ensino CPR Montesol, de Vigo, a prol da doazón. Con tal motivo, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, entregou, esta mañá, un agasallo conmemorativo á responsable da acción formativa, Cristina Díaz Prego. No acto estivo presente, así mesmo, a directora de ADOS, Marisa López García.

ADOS, que vén traballando, dende hai anos, na sensibilización da poboación escolar fronte á doazón dende as idades máis temperás, quere recoñecer con este galardón a mellor iniciativa espontánea no ámbito da educación.

O proxecto galardoado consiste nunha escultura elaborada con materiais de refugallo e que representa un ril. Este proxecto trata de destacar as función do órgano que é protagonista do maior número de intervencións de transplante na nosa Comunidade, e, polo tanto, do que máis doazóns se precisa.

O centro galardoado participou, nos últimos cinco anos, no Plan Proxecta co obxectivo de integrar , na súa programación anual, a temática da doazón de sangue, órganos e tecidos, creando unha rede de traballo colaborativa e interdisciplinar, e xerando, en definitiva, unha cultura proclive a doazón.

Imaxes relacionadas