O conselleiro de Cultura e Educación mantivo hoxe unha reunión de traballo con representantes dunha trintena de entidades para escoitar as súas necesidades

A Xunta e as asociacións de atención á diversidade avanzan nun protocolo escolar para nenos con necesidades específicas de apoio educativo

O documento dará unha resposta máis concreta á realidade deste alumnado tomando como base o protocolo que xa rexe no ensino galego durante este curso

Afondará tanto nas pautas de prevención básicas individuais e colectivas como nas organizativas, tendo en conta a dimensión asistencial que acompaña á educativa nalgúns destes casos

Na toma de decisións para as novas pautas contarase co asesoramento tanto das autoridades sanitarias como do novo Comité Educativo

Será de aplicación tanto nos centros de educación ordinaria como nas unidades e centros de Educación Especial

Santiago de Compostela, 14 de setembro de 2020

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, mantivo hoxe unha primeira reunión de traballo con representantes das asociacións de atención á diversidade para avanzar na posta en marcha dun protocolo específico para alumnado con diversidade funcional durante este curso.

No encontro, que contou coa participación dunha trintena de entidades, o titular de Educación avanzou que este novo protocolo tomará como base o actual que xa rexe o ensino en Galicia pero dará unha resposta máis concreta para a atención á diversidade con especial fincapé na atención a necesidades educativas especiais, independentemente da modalidade de escolarización.

Preténdese que o Protocolo de adaptación ao contexto da COVID 19 para alumnos con diversidade funcional no curso 2020-2021 recolla as reclamacións e necesidades expresadas por estes colectivos e que afonde ademais tanto nas pautas de prevención básicas individuais e colectivas específicas para este alumnado como nas pautas organizativas tendo en conta a dimensión asistencial que acompaña á educativa nalgúns destes casos, con persoal non docente que traballa no apoio á autonomía persoal deste alumnado e que precisan tamén dunha resposta sociosanitaria e educativa concreta.

Dialogado e consensuado

“Será un protocolo específico, dialogado e consensuado tomando como base as recomendacións e pautas sanitarias, que son de obrigado cumprimento, e tamén terase en conta as reclamacións dos distintos colectivos para asegurar un transcurso do curso seguro e eficiente para a infancia galega nun ano inédito como este”, explicou o conselleiro.

En todo caso, reiterou, as indicacións dos servizos de saúde serán o punto de partida e as liñas mínimas a garantir en cada momento e contarase tamén coa avaliación e asesoramento do novo Comité Educativo. Tras asumir o departamento de Educación da Xunta de Galicia, esta reunión foi a primeira toma de contacto de Román Rodríguez cos integrantes destas asociacións de atención á diversidade funcional e dá continuidade ao traballo realizado nos últimos anos para conseguir unha educación cada vez máis inclusiva.

Imaxes relacionadas