Anxo M. Lorenzo inaugura en Ourense a mostra ‘Xenio, gloria e oficio’ que divulga o legado do arquitecto Domingo de Andrade

Está composta por 24 paneis divididos en oito prismas que amosan a súa pegada en edificios civís e construcións emblemáticas como o baldaquino do Santo Cristo

Tras a súa estancia na rúa do Paseo, viaxará a Lugo, onde rematará o seu percorrido poñendo en valor o traballo do homenaxeado no Día das Artes Galegas deste ano
 

Ourense, 14 de xullo de 2020

O director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, inaugurou hoxe na rúa do Paseo de Ourense a mostra Xenio, gloria e oficio coa que a Xunta, en colaboración co Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, pon en valor a figura do arquitecto Domingo de Andrade. Trátase dunha exposición itinerante que o seu paso pola cidade das Burgas continuará divulgando o seu legado en Lugo, onde rematará o seu percorrido por Galicia.

Durante o acto de presentación, no que tamén participou o presidente da Real Academia Galega, Manuel Quintana Martelo, e o presidente da delegación en Ourense do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, Rafael Castro, o represenante da Xunta de Galicia, puxo en valor a importancia desta exposición para divulgar a figura do construtor ao que se dedicou o Día Das Artes Galegas deste ano. Neste sentido, Anxo M. Lorenzo lembrou que a obra de Domingo de Andrade se estende por toda Galicia e que moitas das súas creacións son iconas do barroco recoñecibles para a meirande parte dos galegos.

A exposición, comisariada polos membros da Real Academia Galega de Belas Artes José Ramón Soraluce e Ramón Yzquierdo, pódese visitar ata o vindeiro 11 de outubro e está composta por 24 paneis, divididos en oito prismas, nos que se mostra a través de imaxes fotográficas, planos e textos a súa pegada en edificios civís e construcións emblemáticas como o baldaquino da capela do Santo Cristo, na Catedral de Ourense.

Cómpre destacar que a importancia da mestría e oficio deste xenio da arquitectura barroca propiciou que a Real Academia Galega decidira dedicar o Día das Artes Galegas deste ano á difusión da súa figura e traxectoria artística. Tendo en conta as especiais circunstancias na que se conmemorou esta data, o pasado 1 de abril, con motivo do coronavirus, a institución anunciou que ampliará a súa homenaxe ata 2021 e que levará a cabo unha serie de actividades e xornadas para difundir e poñer en valor a vida e obra de Domingo de Andrade.