A Xunta e a USC promoven mesas de diálogo cos principais sectores produtivos galegos para analizar as vantaxes da dixitalización

O obxectivo dos encontros, que se inician o próximo mércores, é diagnosticar e potenciar o impacto positivo destes procesos no contexto provocado pola covid-19

Participarán organizacións empresariais das TIC, o téxtil, a madeira, o granito, a lousa, a loxística, a alimentación, a pesca, o audiovisual, o turismo e a saúde
 

Santiago de Compostela, 14 de setembro de 2020

A Xunta de Galicia e a Universidade de Santiago de Compostela (USC) organizan unha serie de mesas de diálogo para analizar o impacto da automatización e a dixitalización nos diferentes sectores económicos de Galicia. Buscan así favorecer a achega de propostas compartidas que contribúan a reactivar a actividade económica, nun contexto no que os procesos produtivos impulsados polas novas tecnoloxías están a cobrar aínda máis relevancia debido ás consecuencias da pandemia da covid-19.

A partir do próximo mércores 16 dan inicio as cinco mesas programadas, que se desenvolverán mediante encontros en liña nos que organizacións empresarias representativas de trece sectores económicos galegos exporán a situación dos procesos de dixitalización e automatización a día de hoxe no seu ramo de actividade. Serán moderadas por representantes do Igape e da USC e durante cada unha os participantes poderán enviar preguntas á persoa moderadora.

A primeira das mesas contará coa presenza de representantes dos clústeres galegos das TIC, da moda (Cointega), da función loxística e o alimentario. A sesión do seguinte día, o xoves 17, estará dedicada ao sector audiovisual, a comunicación e o turismo e serán os clústeres respectivos os que aborden a dixitalización e a automatización nos seus ámbitos produtivos.

As seguintes sesións terán lugar os días 23, 24 e 30 de setembro, e nelas participarán organizacións empresariais dos eidos da pesca e a acuicultura; a saúde e as ciencias da vida –neste caso sumarase tamén o Hub de Innovación Dixital Data Life-; así como dos sectores do granito, a lousa e a madeira. Os interesados poden consultar os programas de cada unha das mesas e inscribirse neste enlace.

Estas iniciativas enmárcanse no convenio de colaboración subscrito entre o Igape e a universidade compostelá o pasado mes de febreiro coa fin de analizar e facer un seguimento do impacto da automatización na economía galega, e que afianza o protocolo asinado en 2018. O convenio prevé a realización dun estudo sobre as posibilidades de implantación deste proceso tecnolóxico nos sectores produtivos e un informe económico e xurídico sobre as políticas e o estado normativo relacionados, ademais de propostas de actuación que axuden a afrontar os retos existentes e emerxentes.

Nese sentido, a Xunta segue a desenvolver as medidas de impulso á dixitalización incluídas no Plan de reactivación económica activado para afrontar as consecuencias económicas da covid-19, que inclúen programas para fomentar a implantación das novas tecnoloxías e a fábrica intelixente e o impulso do teletraballo, especialmente nas pemes galegas.
 

Imaxes relacionadas