A AGASP inicia os cursos de mandos de policía local nunhas instalacións adaptadas para retomar a formación con seguridade

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, visitou hoxe o comezo dos cursos selectivos nas categorías de inspectores e oficiais que contan con 33 alumnos de 15 concellos

Os alumnos recibirán 250 horas lectivas ao longo de máis de dous meses en clases que combinarán formación presencial, en liña e telepresencia

A Academia conta cun novo tatami para levar a cabo as clases físicas con todas as medidas de prevención e novas salas de ocio nas que as promocións que se están a formar no centro poden manter a distancia de seguridade

A Estrada (Pontevedra), 14 de setembro de 2020

Un total de 33 alumnos -20 oficiais e 13 inspectores- procedentes de 15 concellos que integran a promoción de mandos de Policía Local máis numerosa da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp) comezaron hoxe as clases. O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, destacou o traballo realizado para adaptar as instalacións e implantar as medidas de prevención precisas fronte á covid-19 co obxectivo de retomar a actividade lectiva con tódalas garantías sanitarias.

Ao longo de máis de dous meses e 250 horas lectivas, os alumnos destes cursos selectivos de promoción interna recibirán formación en aspectos como habilidades directivas e xestión de equipos, igualdade e violencia de xénero, novas tecnoloxías, seguridade viaria ou menores, ademais de clases prácticas de defensa persoal, tiro e intervención policial. As clases combinarán formación presencial, en liña ou telepresencia.

Así, os aspirantes ás categorías de inspector e oficial coincidirán na Academia cos 134 alumnos da promoción de Policía Local que están a completar o último trimestre da súa formación.

Alfonso Rueda tamén aproveitou a visita para coñecer os novos espazos habilitados para que as distintas promocións que se están a formar no centro poidan estar separados e gardar a distancia mínima de seguridade interpersoal.

Por unha banda, o novo tatami que os alumnos empregan nas súas clases físicas, nas que se toman todas as medidas de seguridade para evitar contaxios, e tamén as novas salas de ocio deseñadas para acoller as promocións de policías locais que coinciden na academia.

A Agasp xa retomara a actividade lectiva o pasado xuño cos alumnos da 12ª promoción do curso selectivo de Policía Local que, debido á crise sanitaria, tiveron que adiantar parte da parte práctica nos seus concellos durante o período de estado de alarma. Á volta as clases produciuse cumprindo todas as medidas hixiénico-sanitarias en canto á protección dos usuarios, dos fluxos de circulación para manter a distancia de seguridade, así como dos aforos de zonas comúns para evitar aglomeracións.

Plan de formación continua

A Agasp convocará os próximos días os cursos do plan de formación continua do segundo semestre destinados a persoal da Policía Local e os profesionais dos corpos e forzas de seguridade do Estado que traballan en Galicia -isto e Policía Autonómica, Policía Nacional e Garda Civil- e que, debido á covid-19, impartiranse de forma telemática ata nun 85% a través da plataforma de formación en liña.

Ante a crise sanitaria derivada do coronavirus, a Academia adaptou a súa formación continua á modalidade online, o que permitiu poñer en marcha máis de 30 actividades entre os meses de maio e xullo e nas que participaron máis dun milleiro de policías participantes.

Imaxes relacionadas