Ángeles Vázquez salienta que todas as solicitudes de axudas á prevención de danos por fauna salvaxe foron atendidas

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda sinala que case de 1.600 gandeiros se beneficiaron desta liña de incentivos pola que poden adquirir un pastor eléctrico, instalar valados fixos ou comprar cans para a protección de defensa do gando

Recorda que tamén se convocou un programa de axudas para paliar os danos, que duplicou a contía de 2019, e que está aberta ata o 11 de outubro

Láncara (Lugo), 14 de setembro de 2020-

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, salientou esta mañá que todas as solicitudes de axudas á prevención de danos por fauna salvaxe solicitadas foron atendidas pola Xunta. Así o avanzou a conselleira durante unha visita á explotación gandeira de Láncara para comprobar o funcionamento das medidas para a prevención dos ataques da fauna silvestre, aos que a Xunta destinou unha contía global de 1,2 millóns de euros.

Este investimento permitiu a case 1.600 gandeiros acceder a estas axudas, polas cales poden dotarse de elementos de prevención como, cans para a protección e defensa do gando, pastores eléctricos ou cerrumes de malla electrificada ou a instalación de valados fixos.

A conselleira recordou que o obxectivo é lograr a compatibilidade entre a coexistencia das poboacións de fauna silvestre e a viabilidade económica das explotacións que poden sufrir estes ataques. Así, evitar os danos que provocan algunhas especies silvestres nos cultivos agrícolas e ás producións gandeiras foi unha preocupación da Consellería, motivo polo cal atendeu a todas as solicitudes adecuadamente presentadas dado o seu evidente interese económico e social.

Ángeles Vázquez salientou que, ademais das axudas á prevención, a Consellería tamén habilitou axudas para compensar os danos que producen tanto o lobo como o xabaril nas explotacións galegas. En total, destina 2,6 millóns de euros a paliar os danos que provoca a fauna silvestre; axudas que están abertas ata o 11 de outubro e un requisito imprescindible para acceder ás mesmas é denunciar o ataque sufrido a través do teléfono 012.

Por último, a conselleira de Medio Ambiente indicou que o departamento que dirixe estará ao carón dos gandeiros, atendendo ás súas necesidades e escoitando as súas peticións; e tomando medidas para buscar o equilibrio e a convivencia entre a fauna silvestre e a viabilidade económica do agro galego.

Imaxes relacionadas