A Consellería do Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 9,00 h de hoxe

Permanece decretada, como medida preventiva, a Situación 2 no incendio rexistrado no concello ourensán de Cualedro, parroquia de Montes, pola proximidade do lume ao núcleo de Carzoá

Desactivada a Situación 2 no lume de Rairiz de Veiga, parroquia de Sabariz, ao non haber perigo para núcleos de poboación

En total, permanecen activos 11 lumes en diferentes concellos da provincia de Ourense que superan as 20 hectáreas de afectación. As últimas estimacións de superficie afectada son as seguintes: Cualedro-Montes (800 ha), Rairiz de Veiga-Sabariz (260 ha), Vilariño de Conso-Sabuguido (2.000 ha), Laza-Camba (60 ha), A Gudiña-Pentes (150 ha), Vilar de Barrio-Rebordechau (700 ha), Lobios-Río Caldo (2.000 ha dentro do Parque Natural do Xurés), Chandrexa de Queixa-Queixa (400 ha), Manzaneda-Cernado (100 hectáreas), Vilardevós-Vilar de Cervo (80 ha) e Ribas de Sil-Peites (máis de 20 ha)

Estabilizado o lume no concello de Maceda, parroquia de Castro de Escuadro, que afecta provisionalmente unhas 130 hectáreas

Segue controlado o lume rexistrado no concello pontevedrés de Cuntis, parroquia de Cequeril, que segundo as últimas estimacións afecta arredor de 25 hectáreas

Extinguido o incendio no municipio lugués de Quiroga, parroquia do Hospital, que afectou 53,09 hectáreas

Santiago de Compostela, 14 de setembro de 2020

A Consellería do Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 9,00 h. de hoxe.

ACTIVOS-SITUACIÓN 2

Cualedro

Permanece decretada como medida preventiva a Situación 2 no incendio rexistrado no concello ourensán de Cualedro, parroquia de Montes, pola proximidade do lume ao núcleo de Carzoá. O incendio iniciouse ás 14,48 h. do domingo e, segundo as últimas estimacións, afecta unhas 800 hectáreas. Esta medición é provisional ata que se parametrice a superficie final afectada. Para o seu control mobilizáronse 4 axentes, 8 brigadas, 7 motobombas, 5 pas, 6 helicópteros e 4 avións. Tamén colaboraron efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).


ACTIVOS

Rairiz de Veiga

Desactivada a Situación 2 no lume declarado ás 13,44 h. do domingo por proximidade do lume ao núcleo de Guillamil, na parroquia de Sabariz do municipio ourensán de Rairiz de Veiga, que permanece activo arestora. Segundo as últimas estimacións, este incendio afecta unhas 260 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse 7 axentes, 12 brigadas, 12 motobombas, 2 pas e 9 avións. Tamén colaboraron efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Vilariño de Conso

Continúa activo, desde as 02,22 horas do domingo, o lume do concello ourensán de Vilariño de Conso, parroquia de Sabuguido, que segundo as últimas estimacións afecta unhas 2.000 hectáreas. Para o seu control lévanse mobilizado 9 axentes, 18 brigadas, 10 motobombas, 4 pas, 10 helicópteros e 9 avións.

Lobios

Dende as 19,40 h. do sábado está activo un lume no municipio ourensán de Lobios, parroquia de Río Caldo, que afecta o Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés. Segundo as últimas estimacións, este incendio afecta unha superficie de arredor de 2.000 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse ata o de agora 5 axentes, 20 brigadas, 6 motobombas, 1 pa, 6 helicópteros e 5 avións. Tamén colaboraron efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Vilar de Barrio

Continúa activo, dende as 11,52 h. do sábado, o lume rexistrado no concello ourensán de Vilar de Barrio, parroquia de Rebordechau. De acordo coas últimas estimacións provisionais, afecta unha superficie de arredor de 700 hectáreas. Para o seu control mobilizáronse polo de agora 11 axentes, 33 brigadas, 17 motobombas, 2 pas, 10 helicópteros e 14 avións.

Chandrexa de Queixa

Está activo desde as 16,07 h. do domingo un lume na parroquia de Queixa, concello de Chandrexa de Queixa, e que afecta provisionalmente unha superficie dunhas 400 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse ata o de agora 1 técnico, 3 axentes, 8 brigadas, 5 motobombas, 2 pas e 1 helicóptero.

A Gudiña

Dende as 20,47 h. do sábado permanece activo o lume do concello ourensán da Gudiña, parroquia de Pentes. As últimas estimacións provisionais indican que rolda as 150 hectáreas de superficie afectada. Para o seu control mobilizáronse polo de agora 1 técnico, 7 axentes, 17 brigadas, 11 motobombas, 1 pa e 3 helicópteros.

Manzaneda

Activo desde as 5,32 h. un lume no concello de Manzaneda, parroquia de Cernado, que afecta provisionalmente unhas 100 hectáreas de superficie. No seu control traballan arestora medios terrestres.

Vilardevós

Activo desde as 1,04 h. desta madrugada un lume en Vilardevós, parroquia de Vilar de Cervo. Segundo as primeiras estimacións, a superficie afectada é dunhas 80 hectáreas. No seu control participan 3 axentes, 4 brigadas, 5 motobombas e 1 pa.

Laza

Segue activo desde as 20,29 h. do sábado o incendio do municipio ourensán de Laza, parroquia de Camba, e que afecta arredor de 60 hectáreas, segundo as últimas estimacións provisionais. Para a súa extinción mobilizáronse ata o de agora 4 axentes, 13 brigadas, 3 motobombas, 2 pas e 4 avións.

Ribas de Sil

Tamén está activo un incendio no municipio lugués de Ribas de Sil, parroquia de Peites, desde as 1,44 h. desta madrugada. Segundo as primeiras estimacións, afecta unha superficie de máis de 20 hectáreas. No seu control traballan 2 axentes, 10 brigadas e 8 motobombas.

ESTABILIZADOS

Maceda

Neste concello iniciáronse simultaneamente dous lumes, ambos na parroquia de Castro de Escuadro, ás 15,04 h. do domingo, quedando estabilizados ás 0,36 h. desta madrugada, o que indica unha clara intencionalidade. Entre os dous afectan unha superficie aproximada de 130 hectáreas. Para o control destes dous lumes mobilizáronse ata o momento 9 axentes, 10 brigadas, 10 motobombas e 3 pas.


CONTROLADOS

Cuntis

Continúa controlado, dende as 17,16 h. do domingo, o incendio forestal rexistrado no concello pontevedrés de Cuntis, parroquia de Cequeril, que segundo as últimas estimacións provisionais afecta unhas 25 hectáreas. No seu control lévanse mobilizado ata o de agora 3 técnicos, 9 axentes, 34 brigadas, 17 motobombas, 2 pas, 5 helicópteros e 5 avións.

EXTINGUIDOS

Quiroga

Extinguido ás 19,40 h. de onte o incendio do concello lugués de Quiroga, parroquia do Hospital, que se iniciara o venres ás 00,03 h. A superficie afectada foi de 53,09 hectáreas de superficie, das cales 34,12 son arboradas e as 18,97 restantes rasas. Na súa extinción participaron 12 axentes, 41 brigadas, 23 motobombas, 2 pas, 7 helicópteros e 6 avións.

A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais poderá ser consultada na conta aberta de twitter: @incendios085.

Departamento:
C. do Medio Rural