A Consellería do Medio Rural publica a información de contacto das máis de 2.300 empresas do sector forestal de Galicia

Os datos das industrias pódense atopar na Oficina Virtual do Medio Rural, buscando por parámetros como o concello onde se sitúan ou o número que teñen asignado no Rexistro de Empresas do Sector Forestal de Galicia (Resfor)

A maiores do directorio, os usuarios poderán ver facilmente sobre un mapa a localización de cada empresa

Santiago de Compostela, 13 de setembro de 2020

A Consellería do Medio Rural, a través da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, vén de implementar na súa Oficina Virtual un directorio cos datos de contacto das máis de 2.300 industrias inscritas no Rexistro de Empresas do Sector Forestal de Galicia (Resfor). Os usuarios poderán atopar a información introducindo distintos parámetros nun buscador, así como ver facilmente sobre un mapa a localización de cada empresa.

Deste xeito, a partir de agora están dispoñibles na web de Medio Rural as referencias de todas as cooperativas, empresas e entidades forestais que realizan traballos nos montes da comunidade ou que teñen sede social en Galicia. Así, están presentes as que se dedican á serra, chapa, taboleiros, pasta, papel, biomasa forestal, pellets e cortiza, así como as encargadas do aproveitamento de cogomelos, plantas aromáticas, pequenos froitos, castaña ou outros recursos forestais.

A maiores, poderanse ver os datos das industrias destinados á produción ou á aplicación de produtos fitosanitarios para o control de enfermidades e pragas forestais, así como os das empresas de servizos de enxeñaría, deseño, consultoría tecnolóxica e asistencia técnica relacionados co sector. Así mesmo, poderase consultar a información de entidades ou axentes en materia de seguranza, calidade industrial e acreditación, de organismos de control ou de laboratorios deste eido.

Para atopar os datos de xeito sinxelo e intuitivo, a busca pode efectuarse introducindo diferentes parámetros, como o nome da sociedade, o seu número no Rexistro de Empresas do Sector Forestal de Galicia ou o seu código na Clasificación Nacional de Actividades Económicas (CNAE). Do mesmo xeito, pódese filtrar pola provincia ou o concello que interese ao usuario.

Unha vez atopada a empresa ou entidade, o buscador ofrece os seus datos de contacto, o seu CIF e a súa actividade principal. Tamén permite comprobar sobre un mapa o lugar onde se encontra, pulsando na icona de localización.

Por último, cómpre destacar que a información se renova constantemente, pois son as propias empresas as que poden modificala na súa comunicación anual de datos ao Resfor, creado ao abeiro da Lei de montes de Galicia. Esta actualización ten como principal obxectivo o mantemento e mellora permanente da estatística forestal galega, para avaliar a evolución dos sectores de produción, servizos e transformación, tanto públicos coma privados.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Medio Rural