A sede da Xunta en Lugo acollerá unha xornada sobre a xestión técnica e económica das explotacións mediante as novas tecnoloxías e o benchmarking

A acción formativa, organizada pola Oficina Agraria Comarcal de Lugo, terá lugar o vindeiro venres 18 de setembro

Está integrada no Plan de Transferencia para o apoio ás actividades de demostración e de información ao agro galego que leva a cabo a Consellería do Medio Rural a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria
 

Santiago de Compostela, 13 de setembro de 2020

A sede da Xunta en Lugo acollerá o vindeiro venres 18 de setembro unha xornada sobre novas estratexias de revalorización e de xestión técnico-económica das explotacións mediante o emprego das novas tecnoloxías e o benchmarking. O curso -integrado no Plan de Transferencia para o apoio ás actividades de demostración e de información ao agro galego que leva a cabo a Consellería do Medio Rural a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal)- está organizado pola Oficina Agraria Comarcal (OAC) de Lugo e dirixido a gandeiros que buscan mellorar a organización laboral das súas empresas.

En horario de mañá e tarde, a acción consistirá nunha sesión dinámica en grupo mediante a resolución de casos prácticos. Así, orientarase aos participantes sobre técnicas para relanzar as súas explotacións, tendo como referencia as claves do rendemento persoal, a empatía ou o benchmarking, unha estratexia que toma como exemplo os produtos, servizos ou procesos de traballo das empresas líderes co obxectivo de implementar melloras nun negocio. Tamén se tratará o que poden aportar as novas tecnoloxías da información, ao abeiro do proceso de dixitalización que está afectando a distintos sectores. As prazas para esta xornada técnica son limitadas, polo que os interesados deberán enviar a súa solicitude ao enderezo electrónico lideresenbienestar@gmail.com.

O Plan de Transferencia -no que se engloba esta iniciativa- está aliñado co Plan de formación ao agro galego da Consellería do Medio Rural, que busca impulsar o desenvolvemento de actividades formativas, de demostración e información. Con estas accións procúrase que os coñecementos cheguen aos seus últimos destinatarios: agricultores, gandeiros, silvicultores ou representantes da industria agroalimentaria.

Así pois, trátase de mellorar a capacitación dos traballadores dos sectores agrario, agroalimentario e forestal en todo o relacionado cos aspectos técnicos e económicos das súas actividades incidindo, cando sexa preciso, na reordenación das producións e no emprego dos métodos produtivos respectuosos coa conservación e na protección do medio.

Imaxes relacionadas