O conselleiro de Cultura e Educación visitou esta mañá o CIFP A Xunqueira, en Pontevedra

Román Rodríguez subliña o esforzo da comunidade educativa para converter os centros de FP en “talleres seguros”

O conselleiro comprométese á contratación de todo o profesorado que sexa necesario para garantir a seguridade sanitaria e a calidade educativa

Destaca o proceso de adaptación dos centros de Formación Profesional, estreitamente vencellados co entorno laboral

Lembra que existen tamén medidas complementarias, como a posibilidade de implantar ensino semipresencial ou a instalar medidas de protección como mamparas, que os centros poden adoptar en función das súas necesidades
 

Pontevedra, 12 de setembro de 2020

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, subliñou hoxe o esforzo da Comunidade educativa para adaptar os centros de FP aos requirimentos hixiénico-sanitarios derivados da covid-19, facendo destes espazos uns verdadeiros “talleres seguros”. Tamén reiterou o compromiso do seu departamento para achegar todo o profesorado que sexa necesario para cumprir coas normas sanitarias en canto a seguridade nas aulas e nos talleres de FP. Fíxoo tras unha visita ao CIFP A Xunqueira no que estivo acompañado polo director Rafael Núñez Portela, e na que ambos supervisaron as medidas implementadas no centro, como a instalación de mamparas, a reorganización de espazos ou a instalación de sinalética no chan.

Ademais do reforzo do profesorado, os centros educativos poderán adoptar outras medidas complementarias como a implantación do ensino semipresencial ou o reforzo de elementos de seguridade, en función das necesidades específicas de cada un.

O responsable de Educación destacou a complexidade do proceso de adaptación destes centros, no que a docencia se desenvolve nun entorno moi semellante a un entorno profesional e agradeceu a profesionalidade e dedicación dos profesionais neste “atípico retorno ás aulas”.

Precisamente, na súa visita ao CIFP a Xunqueira, o conselleiro lembrou que onte mesmo se consensou cos representantes dos centros de Secundaria adiar unha semana o inicio do curso en ESO, Bacharelato e FP, co obxectivo de reforzar a seguridade sanitaria nas súas instalacións. A decisión tomouse en base a criterios técnicos, toda vez que a planificación inicial para estes centros mudou tras a reunión que o Goberno Central convocou para o pasado 27 de agosto.

O incremento da distancia de seguridade nas aulas a 1,5 metros obrigou aos centros de Secundaria a comezar de novo toda a súa reorganización, que se suma ao gran esforzo que a súa comunidade educativa viña desenvolvendo nas últimas semanas para preparar o curso escolar.

Outras medidas hixiénico-sanitarias

Esta decisión de adiar o comezo das clases aos días 23, 24 e 25 de setembro súmase a outras plantexadas esta mesma semana no Consello Escolar de Galicia para facilitar a volta ás clases nos institutos e centros de FP, como a posibilidade de instalar mamparas protectoras nas aulas e talleres ou mesmo de optar pola semipresencialidade no ensino non obrigatorio.

Román Rodríguez reiterou que, sen dúbida, a principal acción do seu departamento para favorecer o desenvolvemento do curso coas maiores garantías de seguridade sanitaria e calidade educativa vai ser a dotación de profesorado. Neste sentido, indicou que a cifra de profesores a maiores en Secundaria se coñecerá proximamente, unha vez estean pechadas as necesidades dos centros e recalcou que se contratarán todos os docentes que sexan necesarios. Así se fixo, tamén, en Infantil e Primaria, etapas que estas semanas incorporaron 240 mestres de nova contratación.

Centro de referencia

O CIFP A Xunqueira é un centro de referencia na FP galega e o primeiro e único na nosa Comunidade en impartir o ciclo de grao superior en Promoción de igualdade de xénero.

Con máis de 1.000 alumnas e alumnos, o CIFP ofertou este curso un total de 19 ciclos formativos nos réximes ordinario e modular para adultos (tanto na modalidade presencial como a distancia), nas familias profesionais de Electricidade e electrónica, Transporte e mantemento de vehículos, Servizos socioculturais e á comunidade e Madeira, moble e cortiza.

De feito, no 2015 a Consellería ampliou este centro con novos talleres para dar resposta ás necesidades da familia profesional de Madeira, moble e cortiza, en concreto coa creación dun taller de madeira para a FP Básica, un almacén e un lugar para que o alumnado puidese realizar prácticas de montaxe das casas prefabricadas de madeira e estruturas similares.
 

Imaxes relacionadas