Case 37.000 escolares galegos recibiron formación ambiental desde a posta en marcha do programa ‘Recíclate con Sogama’

A iniciativa, enmarcada no Plan Proxecta da Xunta, busca inculcar aos nenos boas prácticas en materia de prevención de residuos e fomentar a reciclaxe nas aulas

Técnicos da empresa pública realizan visitas periódicas aos centros participantes en cada edición para comprobar a evolución dos seus traballos e resolver dúbidas

Santiago de Compostela, 12 de setembro de 2020

Preto de 37.000 escolares de toda Galicia recibiron formación en materia ambiental da man do programa Recíclate con Sogama, unha iniciativa cun enfoque teórico e práctico que se incorporou ao Plan Proxecta da Xunta de Galicia hai xa oito anos.

O obxectivo principal do proxecto é inculcar nos nenos bos hábitos na prevención de residuos e reutilización de produtos, así como instaurar a reciclaxe nas aulas e concienciar á comunidade educativa sobre a correcta separación dos refugallos e o seu posterior depósito nos contedores correspondentes para ser transformados en novos materiais.

Para isto, a empresa pública autonómica proporciona aos centros educativos participantes - 25 por curso académico, maioritariamente de primaria- os medios necesarios para que poidan levar a cabo os seus proxectos de reciclaxe coas máximas garantías. Así, entre o material subministrado cómpre subliñar as denominadas illas de reciclaxe, conformadas por tres contedores de 120 litros de capacidade cada un (amarelo, azul e verde xenérico), así como composteiros, que se reparten naqueles colexios que dispoñen de servizo de comedor para que os restos orgánicos sexan valorizados e convertidos en compost, un abono natural de alta calidade a utilizar como fertilizante nas hortas e xardíns escolares.

Así mesmo, Sogama encárgase de proporcionar todo o material didáctico necesario (folletos, presentacións, vídeos, etc), reforzado con outro de carácter lúdico, tanto a través de xogos presenciais como online adaptados a cada tramo de idade, co fin de traballar a estratexia dos tres erres: redución, reutilización e reciclaxe.

A formación presencial a cargo de técnicos de Sogama tamén foi unha tónica habitual ao longo das distintas edicións, véndose complementada con visitas periódicas aos colexios para comprobar a evolución dos proxectos e solventar posibles dúbidas.

De igual xeito, Sogama veu convocando premios específicos para motivar ao alumnado a traballar con máis intensidade na reutilización e reciclaxe a través da elaboración de obras de arte a partir de materiais de refugallo.

Finalmente, o labor desenvolvido por cada centro plásmase nunha memoria que debe presentarse a final de curso para ser cualificada a través da aplicación do Plan Proxecta.

Imaxes relacionadas